A Deputación de Ourense reclama que vivir no rural non reste protección ás mulleres fronte á violencia machista

OurenseXa
A institución provincial reivindicou no acto institucional do 25N a cooperación cos concellos máis pequenos para garantir a atención social, psicolóxica e xurídica ás mulleres de toda a provincia
Deputación Ourense Luis Menor 25N
25 Nov 2026

A Deputación de Ourense celebrou esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel o acto institucional con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, no que o seu presidente, Luis Menor, defendeu que o lugar de residencia non debe influír no nivel de protección que reciben as mulleres que sofren violencia machista, facendo especial fincapé na situación de quen vive en zonas rurais.

Durante a súa intervención, Menor subliñou que "o lugar onde unha muller vive nunca debe condicionar a protección que recibe". O presidente provincial quixo tamén ter un recordo para as mulleres asasinadas pola violencia machista, trasladando a súa solidariedade ás familias, e mencionou as que actualmente sofren esta violencia, as que están en proceso de reconstruír as súas vidas e as que aínda non atoparon unha vía segura para pedir axuda.

O mandatario provincial puxo o foco nas dificultades engadidas que, ao seu xuízo, enfrontan as mulleres do medio rural á hora de acceder aos recursos de atención: a dispersión da poboación, os problemas de desprazamento e a falta de privacidade nas localidades pequenas poden actuar como obstáculos. Por iso, defendeu o papel da Deputación no apoio aos servizos sociais municipais e na coordinación entre as distintas administracións e entidades implicadas, co obxectivo de que, segundo explicou, desde o primeiro contacto cada muller teña claro a quen dirixirse e cales son os pasos a seguir.

Menor aproveitou tamén para poñer en valor o labor dos profesionais dedicados á atención ás vítimas e pediu unha maior implicación dos homes na prevención deste tipo de violencia. Neste punto, apuntou que esa responsabilidade "témola na maneira en que educamos, no exemplo que damos e na forma en que reaccionamos cando alguén do noso contorno xustifica ou trivializa esas condutas", en alusión a comportamentos como o control do móbil da parella ou as humillacións dentro da relación.

Durante o acto, a deputada de Igualdade, Teresa Barge, deu lectura ao manifesto provincial do 25N, no que se reafirmou o compromiso da institución coa prevención da violencia de xénero e co acompañamento das mulleres que a padecen. Barge enmarcou a convocatoria dentro da campaña internacional 'ÚNETE para poñer fin á violencia contra as mulleres', promovida por ONU Mulleres, e chamou a implicar tanto ás institucións como ao conxunto da sociedade para asegurar o acceso á xustiza, protexer as supervivintes e acabar coa impunidade destes delitos.

A deputada insistiu en que este compromiso debe manterse ao longo de todo o ano, a través da educación en igualdade, o apoio ás entidades sociais e a coordinación dos recursos de atención, de xeito que todas as mulleres poidan acceder a eles con independencia do municipio no que residan.

0.17626094818115