A Deputación de Ourense reforza o seu papel como “editorial científica e cultural” co Plan Anual de Publicacións

OurenseXa
A institución provincial presentou na Feira do Libro o seu Plan Anual de Publicacións 2025, cun investimento de 100.000 euros
presentacion-plan-pubicacions-dep-ourense
18 Jun 2026

A Deputación de Ourense participou na Feira do Libro de Ourense cun acto centrado na presentación das obras editadas ao abeiro do Plan Anual de Publicacións 2025. O presidente provincial, Luis Menor, destacou o labor do Negociado de Publicacións e a consolidación da institución como “editorial científica e cultural” orientada a preservar a memoria colectiva da provincia.

Menor compareceu acompañado pola xefa do Negociado de Publicacións, Ana María Malingre, e puxo en valor a importancia de facer posible a edición de traballos de especial interese para Ourense. A institución destina a este plan un orzamento de 100.000 euros.

Durante a súa intervención, o presidente defendeu a aposta pola “cultura con maiúsculas” e sinalou que a Deputación achega “ferramentas vivas, fontes de coñecemento das que van a beber profesionais do turismo, da educación, da historia e da xestión cultural”.

O presidente lembrou a traxectoria do servizo de publicacións desde 1969, cando se editou a primeira obra sobre a ponte romana asinada por Manuel Chamoso Lamas. Posteriormente, continuou a súa actividade a través do Instituto de Estudios Orensanos Padre Feijóo nas décadas dos 70 e 80, con figuras como Ramón Otero Pedrayo, e máis tarde baixo a xestión de José Platero entre mediados dos 80 e 2005.

En 2013 produciuse unha modernización do sistema coa aprobación dunha ordenanza que outorgou a selección das publicacións a un Consello Asesor no que participan entidades como a Universidade de Vigo, o Consello da Cultura Galega, a UNED ou a Real Academia Galega.

O Plan de Publicacións de 2025 inclúe a continuidade de cabeceiras como a revista Raigame ou o Anuario da Gaita, ademais das publicacións vinculadas ao premio Pura e Dora Vázquez.

Tamén contempla monografías e reedicións como a segunda edición de Chandrexa de Queixa. Patrimonio Natural, de Luis José Rodríguez Rodríguez; Ramón Conde. Entre las emociones y la razón, de Mercedes Gallego Esperanza; e Paseniño pola Vía da Prata, de Manuel Garrido Rivero e María Eugenia Muñoz Fernández.

No ámbito da investigación local inclúense traballos como A obra da Ponte Maior no século XV, de Anselmo López Carreira; A Virxe do Cristal. Lenda, roubo, asasinato, coordinado por Xosé Manuel del Caño González; e o estudo A praza Maior de Auriabella, de Fernando Román Alonso.

O catálogo complétase con achegas como a análise de Carlos Lozano González sobre Carlos Taboada Tundidor e a CEDA na Segunda República; Rabia, sanidad y sociedad. Ourense 1885-1936, de David Simón Lorda e Ana Rúa; e Curros e Junqueiro: a liberdade e o espírito, de Henrique Manuel Pereira e Lourdes Maceiras.

O presidente provincial anunciou tamén que o Plan de Publicacións de 2026 xa está en marcha, cun novo orzamento de 100.000 euros, co obxectivo de continuar impulsando a investigación e a difusión do coñecemento sobre a provincia.

A Deputación lembra que todo o catálogo editorial está dispoñible na biblioteca, na súa páxina web, a través das distribuidoras Galaxia e Alcantarilla, e tamén en librarías de toda Galicia.

0.12714099884033