A Deputación de Ourense reivindica o papel das mulleres na conservación da música tradicional galega

OurenseXa
A campaña “8M, mes a mes” dedica agosto a Ana Belén Rodríguez André, profesora de pandeireta e canto popular na Escola Provincial de Gaitas desde o ano 2000
ana-andrade-8m
7 Aug 2026

A Deputación de Ourense dedica o mes de agosto da súa campaña “8M, mes a mes” ás mulleres que contribúen a manter viva a música tradicional galega. Baixo o lema “Mulleres que fan soar a nosa tradición”, a iniciativa da Área de Igualdade pretende recoñecer o papel das mulleres na conservación e transmisión dun patrimonio cultural ligado á identidade de Galicia.

A protagonista desta edición é Ana Belén Rodríguez André, nada en Ourense en 1979 e profesora de pandeireta e canto popular na Escola Provincial de Gaitas desde hai máis de dúas décadas. A súa relación coa institución provincial comezou cando era nena, ao incorporarse con nove anos á formación musical, e posteriormente pasou a formar parte da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense.

Rodríguez André toca a pandeireta desde 1988 e ao longo da súa traxectoria participou en numerosas actuacións coa formación provincial. Entre as experiencias que lembra está a actuación no Vaticano ante o papa Xoán Paulo II en 1996.

A súa chegada á música tradicional produciuse, segundo relata, case por casualidade. Foi a súa nai quen a animou a aprender a tocar a gaita despois de vela axudar á súa irmá maior cos exercicios de frauta. Aquel primeiro contacto acabou converténdose nunha vocación e nunha carreira profesional vinculada á música tradicional.

A Escola Provincial de Gaitas ocupa un lugar especialmente importante na súa vida. Alí recibiu a súa formación musical, desenvolveu posteriormente a súa actividade profesional e coñeceu o seu marido. Ademais, as súas dúas fillas seguiron tamén o camiño da música e son músicas e gaiteiras.

Na actualidade, Rodríguez André compaxina o seu labor docente na Escola Provincial de Gaitas con clases en diferentes asociacións veciñais, mantendo un contacto directo con novas xeracións interesadas na pandeireta, o canto popular e a tradición oral.

A docente destaca precisamente o crecente interese das rapazas pola música tradicional e apunta á influencia que tiveron fenómenos como Tanxugueiras neste ámbito. “O efecto Tanxugueiras provocou un auténtico boom. Moitas nenas comezaron a interesarse pola música tradicional”, sinala, ao tempo que tamén destaca o achegamento á tradición a través da poesía de Rosalía de Castro.

A deputada provincial de Igualdade, Teresa Barge, subliña que a campaña pretende visibilizar o traballo de mulleres que, desde diferentes ámbitos, permiten que o patrimonio musical galego continúe transmitíndose e evolucionando.

Con esta homenaxe, a Deputación de Ourense pon o foco nunha tarefa que combina formación, transmisión e renovación da tradición, reivindicando ás mulleres como protagonistas fundamentais da continuidade da música popular galega.

0.13666892051697