A Deputación de Ourense reivindica o potencial da provincia no eixo do turismo sostible

RibeiraSacraXa | OurenseXa
O presidente provincial participou nunha mesa de debate sobre turismo sostible, na que destacou os programas da Deputación en materia termal, así como outros atractivos da provincia, como a Ribeira Sacra, a estación de Manzaneda ou a Vía da Prata
conferencia-presidentes-deputaions-femp
VI Conferencia de Presidencias de Deputacións Provinciais, Cabidos e Consellos Insulares
21 Mar 2025

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe nunha mesa de debate sobre turismo sostible, no marco da VI Conferencia de Presidencias de Deputacións Provinciais, Cabidos e Consellos Insulares, que se desenvolve en Mallorca, un evento organizado polo Consell de Mallorca xunto coa Fundación Democracia e Goberno Local e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

Na súa intervención, xunto a presidentes provinciais de Cádiz, Alacant, Xirona, Eivissa, Lugo e Sevilla, Luis Menor puxo en valor o termalismo ourensán, subliñando que no caso de Ourense trátase dun turismo termal especializado, de autor, tranquilo, non masificado e con identidade propia.

Ourense, como única provincia de interior de Galicia, "obríganos a realizar un maior esforzo para atraer visitantes, o que implica deseñar estratexias que dean visibilidade a aqueles factores que nos fan diferentes", dixo o presidente provincial, destacando que a sostibilidade é un eixo fundamental das accións que se desenvolven no territorio ourensán como destino turístico.

Ademais de destacar a importancia da desestacionalización do turismo responsable, polo que aposta a Deputación de Ourense, o presidente provincial afirmou durante a mesa de debate que "falamos dun turismo de oportunidades para o rural, para manter poboación, para xerar actividade económica arredor do visitante e crear emprego".

Luis Menor detallou a oportunidade que supón para Ourense a chegada do AVE, así como as potencialidades da Vía da Prata, a Ribeira Sacra, o enoturismo, a gastronomía cun amplo abano de produtos de calidade ou o turismo de montaña coa estación de Manzaneda.

Así mesmo, explicou aos asistentes os diferentes programas de termalismo postos en marcha pola Deputación de Ourense, citando expresamente o programa "Respiro Termal" para maiores afectados pola DANA de Valencia, onde un primeiro grupo procedente de Massanassa xa puido gozar dunha estadía de benestar no balneario de Arnoia.

Neste contexto, e durante o encontro que desde onte reúne na illa mallorquina a representantes provinciais de toda España, Luis Menor tivo ocasión de conversar co presidente da Deputación de Valencia, Vicente José Mompó Aledo, a quen lle explicou os detalles do programa de respiro, abordando a posibilidade de estender esta experiencia pioneira en Ourense a outros puntos de España.

Declaración conxunta

Ademais, durante esta VI Conferencia de Presidencias das Deputacións Provinciais, Cabidos e Consellos Insulares, o presidente da Deputación de Ourense, xunto a outros representantes provinciais do resto de España, participou na aprobación dunha Declaración conxunta.

Este documento recolle os compromisos adquiridos durante a conferencia e marcará unha folla de ruta común para reforzar a cooperación e modernización das institucións. A declaración, acordada por todas as presidencias, demostra, en palabras dos asinantes, "a forza e a unidade do sector local nas reclamacións que se formulan ao Goberno da Nación".

⚙ Configurar cookies
0.53153800964355