A Deputación destina máis de 360.000 euros a seguridade, cultura e cooperación municipal na provincia

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou esta semana un total de cinco asuntos que supoñen a mobilización de 363.910 euros destinados a fortalecer ámbitos considerados estratéxicos para a provincia, como a seguridade e protección da cidadanía, a promoción cultural e a cooperación cos concellos máis pequenos.
Así o explicou o presidente provincial, Luis Menor, na rolda de prensa posterior á sesión, na que puxo o acento nas axudas destinadas ás agrupacións de Protección Civil e no impulso ao OUFF 2026.
No relativo a Protección Civil, aprobouse a concesión de subvencións por importe de 75.000 euros destinadas a agrupacións de voluntarios de concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades e agrupacións municipais. En total, estas axudas beneficiarán a 55 agrupacións da provincia.
Os fondos permitirán financiar a adquisición de equipamento, vestimenta, material de emerxencias e comunicacións, seguros, gastos operativos e melloras para intervencións e rescates. As entidades beneficiarias inclúen agrupacións de numerosos concellos da provincia, entre eles A Forxa-Porqueira, A Bola, A Gudiña, Allariz, Verín, Xinzo de Limia, O Carballiño ou Vilardevós, entre outros.
Luis Menor destacou “o compromiso e a entrega” do voluntariado de Protección Civil, ao que definiu como “unha rede fundamental para a seguridade da cidadanía, especialmente no rural ourensán”. Engadiu ademais que “son persoas que dedican o seu tempo de maneira altruísta para estar ao servizo dos veciños cando máis se lles necesita”. A maior parte das axudas concedidas sitúanse nos 1.500 euros, importe máximo establecido nas bases da convocatoria.
Outro dos acordos destacados foi a aprobación dunha achega de 250.000 euros á Asociación Cultural Luarada para a organización do OUFF 2026, o Festival Internacional de Cine de Ourense, que celebrará a súa 31ª edición entre o 25 de setembro e o 4 de outubro.
Menor definiu o festival como “moito máis ca unha cita cultural”, asegurando que se trata “dunha marca consolidada da provincia, dun escaparate internacional para Ourense e dun proxecto estratéxico que contribúe a proxectar a nosa identidade e atraer actividade económica e talento audiovisual”.
O OUFF contará cunha programación que combinará proxeccións cinematográficas, actividades formativas, encontros profesionais, iniciativas de industria audiovisual, exposicións, concertos e propostas para todos os públicos.
No ámbito da cooperación municipal, a Deputación aprobou tres novas achegas destinadas a mellorar servizos e infraestruturas locais, cun investimento conxunto de 39.910 euros.
Entre elas, destaca unha subvención de 16.688,39 euros ao Concello de Paderne de Allariz para a demolición do antigo centro de saúde; outra de 7.223,41 euros para a reposición do saneamento en Ermide; e unha terceira de 14.998,98 euros ao Concello de Piñor para actuacións de iluminación e equipamento na contorna do centro cultural.
Luis Menor subliñou que estas intervencións “exemplifican o modelo de cooperación municipal da Deputación”, lembrando que “a razón de ser desta institución é apoiar aos pequenos concellos da provincia, especialmente nun territorio como o noso, onde 91 dos 92 municipios son pequenos concellos”.