A Deputación e a Asociación Cultural Amigos da Vía de la Plata cooperarán para promocionar este itinerario xacobeo
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo, no Pazo Provincial, a primeira reunión de traballo deste mandato coa directiva da Asociación Cultural Amigos Camiño Mozárabe - Vía de la Plata, encabezada polo seu presidente na provincia, José Luis Rodríguez Cid, a quen agradeceu “o gran traballo” realizado por esta entidade na posta en valor e promoción deste itinerario xacobeo, o de maior extensión dentro de Galicia.
Luis Menor destacou a importancia da Vía de la Plata que “percorre 28 concellos da provincia de Ourense, é dicir, un terzo de todos os concellos que a conforman”. Este itinerario xacobeo actúa como elemento vertebrador do territorio e permite aos turistas coñecer a riqueza patrimonial, natural e enogastronómica da provincia de Ourense. Neste sentido, o presidente provincial dixo que ofrece “numerosas oportunidades para rexistrar un importante crecemento turístico en Ourense, e tamén nas cifras de peregrinos do Camiño de Santiago”.
Durante a xuntanza acordaron reforzar a colaboración entre ambas institucións para traballar na vinculación da chegada da Alta Velocidade a Ourense coa Vía de la Plata destacando dous hitos importantes: a posibilidade de realizalo en bicicleta desde A Gudiña cunha distancia de 200 km que permite conseguir a compostelana na modalidade ciclista; ou a oportunidade de facelo chegando en AVE á capital de Ourense para realizar as cinco etapas que conforman o Camiño ata Santiago. Unha actuación que propoñen levar a cabo baixo o lema “Facer o Camiño desde o Pórtico do Paraíso ao Pórtico da Gloria”.
Ambas entidades acordaron promocionar tamén este itinerario xacobeo vinculándoo á riqueza termal da provincia para aglutinar atractivos: Camiño de Santiago, chegada da Alta Velocidade e o termalismo. “Ábrese un futuro ilusionante para este Camiño que está chamado a converterse nun dos itinerarios xacobeos por excelencia”, afirmou Luis Menor.