A Deputación e ATAVE reforzan a colaboración para impulsar o sector da automoción

OurenseXa
Luis Menor mantén unha reunión coa directiva da asociación de talleres para abordar formación, competitividade e novas liñas de cooperación
dep-ourense-atave
12 Jun 2026

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo unha reunión de traballo no Pazo Provincial coa directiva da Asociación Provincial de Talleres de Reparación de Vehículos (ATAVE), encabezada polo seu presidente, Ricardo Borrajo, co obxectivo de facer seguimento da colaboración existente entre ambas entidades e analizar posibles novas vías de cooperación.

Durante o encontro abordáronse cuestións relacionadas coa situación actual do sector da automoción na provincia, que ambas partes coinciden en cualificar como estratéxico pola súa relevancia económica e pola súa capacidade de xeración de emprego.

O presidente provincial destacou o papel que desempeña ATAVE como entidade representativa dos talleres de reparación, especialmente nun contexto de transformación tecnolóxica marcado pola electrificación dos vehículos, a adaptación a novas normativas e a necesidade de reforzar a cualificación profesional. Neste sentido, puxo en valor a importancia da formación e da adaptación constante do sector ás novas demandas do mercado.

Luis Menor trasladou tamén a vontade da Deputación de continuar a colaboración coa asociación, unha liña de traballo que nos últimos anos contribuíu ao desenvolvemento de iniciativas formativas e de apoio aos profesionais da automoción na provincia.

Pola súa banda, os representantes de ATAVE agradeceron o apoio institucional e expuxeron os principais retos aos que se enfrontan os talleres, con especial atención á formación especializada, á captación de talento e á adaptación aos cambios que atravesa a industria.

O encontro permitiu igualmente explorar posibles accións conxuntas de cara ao futuro, co obxectivo de fortalecer un sector con presenza en todas as comarcas da provincia e cun peso relevante na economía local.

0.14919304847717