A Deputación e entidades do terceiro sector crean unha rede de atención para persoas migrantes

A Deputación de Ourense puxo en marcha unha estrutura de reforzo e coordinación coas entidades do terceiro sector da provincia para crear unha rede de atención urxente destinada a persoas migrantes, ante o proceso de regularización extraordinaria aberto polo Goberno central.
Segundo informa a institución provincial, esta iniciativa contará cun equipo de ata dez técnicos que traballarán en horario ampliado polas tardes e que atenderán exclusivamente ao colectivo migrante. O seu labor centraranse en ofrecer información, asesoramento, comprobación e dixitalización da documentación necesaria para cada expediente, co obxectivo de que as persoas usuarias poidan acudir despois ás entidades colaboradoras do RECEX (Rexistro Electrónico de Estranxeiría) co expediente xa preparado.
A Deputación explica que se trata dunha resposta “innovadora”, baseada na coordinación público-privada entre a administración provincial e o terceiro sector, co obxectivo de “poñer ás persoas migrantes no centro”.
A iniciativa xorde tras unha reunión celebrada a finais do mes pasado entre responsables da área de Benestar da Deputación e entidades sociais que operan na provincia. Nese encontro, as organizacións trasladaron as dificultades que están a atopar para atender o aumento de demandas derivadas da apertura do prazo extraordinario de regularización.
Na reunión participaron Cáritas, a Fundación Juan Soñador e a Asociación Alma Llanera, así como as dúas únicas ONG da provincia rexistradas como entidades colaboradoras acreditadas do Rexistro Electrónico de Estranxeiría: a asociación Xarela e o Centro de Desenvolvemento Rural O Viso. Todas elas coincidiron na identificación dos principais problemas e na necesidade de mellorar a coordinación institucional.
Entre as dificultades máis sinaladas polas entidades está o acceso ao chamado Certificado de Vulnerabilidade, cuxa solicitude está a provocar colapsos nalgúns municipios, con citas que chegan a fixarse despois do peche do prazo de presentación. Tamén destacan a carga que supón a comprobación da documentación necesaria para completar os expedientes.
A Deputación subliña que a creación desta rede busca dar unha resposta coordinada para evitar que ningunha persoa quede fóra do proceso por falta de información ou apoio administrativo, especialmente nun contexto no que moitos trámites dependen tamén dos servizos sociais municipais.
Segundo a institución provincial, a posta en marcha desta estrutura permitirá reducir o tempo de atención nos puntos RECEX da provincia, que na actualidade pode superar a hora, ata arredor duns dez minutos por persoa. Isto, engaden, facilitará unha maior capacidade de atención diaria grazas á coordinación entre todas as entidades implicadas.