A Deputación e o Consulado de México exploran vías de colaboración

Luis Menor e Alfonso Pereira mantiveron un encontro esta mañá para reforzar os lazos institucionais e explorar oportunidades de investimento vinculadas á provincia.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo un encontro con Alfonso Pereira, novo cónsul honorario de México en Galicia, nunha reunión na que ambas partes abordaron o fortalecemento das relacións institucionais e as oportunidades de investimento vinculadas á provincia.
Durante a reunión, Menor destacou o valor estratéxico da relación con México e puxo en valor a importancia de contar cunha representación próxima dun país que cualificou como “tan importante, influente e decisivo” para Ourense. O presidente provincial valorou ademais “moi positivamente” esta nova canle de interlocución, subliñando os vínculos históricos que unen ambos territorios, especialmente visibles en zonas como Avión ou Beariz.
O encontro serviu tamén para analizar o papel que pode desempeñar a nova representación consular como ponte entre institucións e tecido económico. Neste sentido, Menor incidiu na importancia de apoiar a comunidade ourensá residente en México e de manter unha atención constante ás súas necesidades, ademais de reforzar a súa conexión coa provincia.
Un dos puntos centrais da reunión foi a posibilidade de atraer novos investimentos. O presidente provincial sinalou que o perfil profesional do novo cónsul pode contribuír a actuar como “altofalante” para situar a Ourense no interese de potenciais investidores, tanto de orixe mexicana con vínculos en Galicia como doutros perfís empresariais do país.
Pola súa banda, Alfonso Pereira expresou a súa satisfacción polo nomeamento e polo vínculo que este reforza con Ourense, ao que se referiu como unha relación especialmente estreita desde o punto de vista histórico e social. O cónsul trasladou ademais a súa vontade de impulsar a cooperación institucional e económica, e de manter unha “relación moi fluída” entre ambas partes.