A Deputación entrega 25 distintivos SICTED para reforzar a aposta por un turismo de calidade en Ourense

A Deputación de Ourense reafirmou a súa aposta por un modelo turístico centrado na excelencia coa entrega de 25 distintivos do Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos (SICTED) a servizos turísticos vinculados ao Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) “Ourense Termal”.
O acto desenvolveuse no Parque Municipal do Carballiño e estivo presidido polo presidente provincial, Luis Menor. Na entrega tamén participaron o xefe da área de Turismo da Xunta en Ourense, Cecilio Santalices; o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; o tenente de alcalde do Carballiño, Pepe Castro; e a xerente do Inorde, Emma González.
Durante a súa intervención, Menor incidiu na importancia da colaboración entre o sector público e privado para consolidar un modelo turístico baseado na calidade. Neste sentido, defendeu a necesidade de avanzar cara a “un destino de calidade certificado, sostible e respectuoso coa súa contorna”.
O presidente provincial trasladou ademais o compromiso da institución co tecido empresarial para continuar impulsando medidas de apoio ao sector, mediante a mobilización de recursos, a creación de ferramentas formativas, a mellora dos espazos termais dos municipios e o reforzo da promoción da “marca Ourense” tanto dentro do mercado estatal como internacional.
Segundo explicou, a Deputación leva anos desenvolvendo unha estratexia turística integral orientada a ofrecer aos visitantes “unha experiencia completa, única e auténtica”, apostando por un modelo baseado na “excelencia fronte a un destino masificado, que respecta o medio ambiente, coida o patrimonio e mima o comercio local”.
Menor destacou tamén o papel do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino “Ourense Termal”, impulsado pola Deputación a través da xerencia do Inorde e cofinanciado pola Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.
Segundo sinalou, esta iniciativa permitiu desenvolver novos produtos e experiencias turísticas que combinan o termalismo con outros recursos vinculados ao territorio, como a gastronomía, o viño, a natureza ou o patrimonio cultural.
Entre as actuacións levadas a cabo ao abeiro deste plan figuran a creación das rutas fluviais con ecobarcos, con especial incidencia no xeodestino Ribeiro-Carballiño; as melloras en itinerarios como o sendeiro de Ribadavia; os traballos de protección do afloramento da Fonte de Arcos, no Bañiño; os avances para completar a oferta do balneario de Cortegada; ou a creación dunha terma adaptada en Punxín. O programa tamén incluíu iniciativas de formación orientadas ao emprendemento.
Dos 25 servizos turísticos recoñecidos nesta edición, tres renovaron a certificación obtida anteriormente: a Oficina Municipal de Lobios, o apartamento A Fonte dos Xudíos de Ribadavia e o Aparthotel Arenteiro do Carballiño.
Os outros 22 distintivos corresponderon a novas incorporacións: Abadía Caldaria de Arnoia, Albergue AVIVA de Muíños, As Fontaiñas de Leiro, Autos González de Ourense, BRIMOCARS de Ourense, Casa Habana do Carballiño, Casa Vacacional A Forneira de Leiro, Casa Velasca do Carballiño, CienPorCel de Cenlle, Gandarela.es de Cenlle, Gorrión Taxista de Ribadavia, Hotel Restaurante Derby do Carballiño, LEBOREIRO-XURÉS (Autos Perdiz) de Muíños, Loft Corte de Fora de Punxín, Mercado Xurés de Bande, Mirabeles Lifestyle de Ourense, O Rincón dos Sentidos de Cenlle, Pazo Almuzara de Boborás, Piso Libertad de Ourense, Tapería Mercado do Xurés de Bande, Viajes Miño de Ourense e Viña Costeira de Ribadavia.
No peche do acto, Luis Menor agradeceu o traballo realizado polos servizos turísticos distinguidos e puxo en valor o esforzo necesario para superar “un proceso tan esixente e rigoroso como o do SICTED”, subliñando que este tipo de recoñecementos contribúen a reforzar unha marca “Ourense” “máis forte, competitiva e prestixiosa”.