A Deputación estuda a posibilidade de reforzar a colaboración coa Federación de ANPAS

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo este luns unha reunión no Pazo Provincial coa directiva da Federación de ANPAS de centros privados e concertados, co obxectivo de coñecer de primeira man a súa situación e analizar posibles vías de colaboración.
No encontro participaron o presidente da entidade, Mario Fernández; a presidenta da ANPA do colexio Santo Ángel, Eva Castro; e a consultora de proxectos educativos Susana Pérez. Segundo explicou Menor tras a reunión, o obxectivo é explorar novas liñas de cooperación “en beneficio da comunidade educativa provincial”.
Durante a xuntanza abordouse tamén o funcionamento actual destas asociacións e as súas principais necesidades, nun contexto no que a Deputación mantén desde este mandato unha liña específica de apoio económico.
Esta convocatoria, que chega ao seu terceiro ano, conta cun orzamento de 50.000 euros e está dirixida ás asociacións de nais e pais de alumnado da provincia para impulsar actividades educativas, culturais, deportivas e de conciliación durante o curso escolar. Segundo destacou o presidente provincial, estas achegas contribúen “a mellorar a calidade educativa e á dinamización da comunidade escolar”.