A Deputación finaliza o dispositivo especial de apoio á regularización de persoas migrantes con preto de 200 usuarios atendidos

OurenseXa
O servizo, activo desde o 14 de maio, contou cun equipo de seis profesionais e centrouse en tarefas de información, orientación e revisión documental en coordinación co terceiro sector
regularizacion-migrantes-ourense
30 Jun 2026

A Deputación de Ourense, a través da súa Área de Benestar, vén de dar por finalizado o dispositivo especial de apoio posto en marcha para reforzar a atención ás persoas migrantes no marco do proceso extraordinario de regularización impulsado polo Goberno central.

Este servizo estivo operativo desde o 14 de maio ata o 30 de xuño e contou cun equipo de seis profesionais da área de Benestar, que atenderon en horario de tarde de luns a xoves. A iniciativa desenvolveuse en coordinación con entidades sociais do terceiro sector da provincia.

Segundo informa a institución provincial, durante este período foron atendidas preto de 200 persoas, ás que se lles ofreceu información, orientación, apoio técnico e revisión da documentación necesaria para os trámites vinculados ao proceso de regularización.

Arredor dun 20% das persoas atendidas formaban parte de unidades familiares con menores a cargo, nalgúns casos escolarizados en centros da provincia. As nacionalidades con maior presenza foron Venezuela, Colombia, Guinea, Perú, Marrocos e Ghana.

O perfil maioritario das persoas usuarias foi o de persoas mozas, cunha idade media de 35 anos, que na súa práctica totalidade levaban máis dun ano residindo en España. Segundo se recolle nos datos achegados, moitas delas contaban con situacións administrativas diversas e achegaban documentación como certificados de antecedentes penais en regra, ademais de manifestar a súa disposición para traballar por conta allea.

O dispositivo detectou tamén unha alta porcentaxe de persoas con compromiso de contratación no caso de obter a regularización, así como participantes en itinerarios sociolaborais desenvolvidos previamente con entidades sociais e recursos de inserción.

Desde a Área de Benestar sublíñase que este servizo permitiu obter unha aproximación directa á realidade social, familiar e laboral das persoas atendidas, destacando a existencia de colectivos xa asentados na provincia con vínculos familiares, sociais e laborais.

A colaboración co terceiro sector foi un dos piares do dispositivo, especialmente coas entidades que traballan en acompañamento e asesoramento en materia de estranxeiría, o que permitiu articular unha resposta máis áxil e coordinada.

A Deputación sinala ademais que esta experiencia pon de relevo a importancia de consolidar modelos de cooperación entre administracións e entidades sociais para mellorar a capacidade de resposta ante procesos administrativos de especial impacto social.

0.12366509437561