A Deputación impulsa a creación dun Centro Intelixente de Control do ciclo da auga no antigo edificio do Inorde

OurenseXa
O novo centro, integrado no proxecto OU-Intelixente do PERTE da auga, contará cun investimento superior a 1,1 millóns de euros e permitirá a xestión centralizada dos servizos hidráulicos da provincia
dep-ourense-perte-auga
24 Jul 2026

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo unha reunión de traballo no Pazo Provincial coa nova xerente de AquaOurense, Teresa Albariño Pereira, para analizar os proxectos estratéxicos e os plans de actuación que desenvolven de maneira conxunta a institución provincial e a empresa mixta, encargada da asistencia técnica e da cooperación cos concellos ourensáns na xestión do abastecemento e saneamento.

Durante o encontro abordouse o estado do proxecto OU-Intelixente, incluído no PERTE do ciclo da auga, que afronta a súa fase final coa creación do Centro Intelixente de Control. Esta nova infraestrutura permitirá centralizar a xestión e o seguimento dos servizos do ciclo hidráulico en tempo real.

O futuro centro estará situado no antigo edificio do Inorde, instalacións que a Deputación de Ourense puxo a disposición da empresa mixta para acoller esta sede. O proxecto suporá un investimento superior aos 1,1 millóns de euros, dos que a institución provincial destinará 257.699 euros dos preto de 6 millóns achegados ao PERTE, mentres que AquaOurense asumirá a rehabilitación do inmoble, cun custo previsto de 862.963,95 euros.

Na actualidade, o proxecto de reforma está a completar os trámites necesarios para obter a licenza municipal correspondente. Unha vez autorizada, procederase á licitación e execución das obras de adaptación do edificio para poñer en marcha este centro de control.

A través de OU-Intelixente, Ourense sitúase entre os territorios máis avanzados na dixitalización do ciclo da auga en España, cunha iniciativa que busca modernizar a xestión hídrica nunha provincia caracterizada pola dispersión municipal e pola necesidade de actualización das infraestruturas.

Segundo os datos facilitados pola Deputación, o proxecto atópase preto do 98 % de execución e conta coa adhesión de 81 concellos e dous consorcios, os de Valdeorras e Os Peares. Ademais, xa permitiu a instalación de preto de 65.000 contadores domiciliarios dixitais en 79 concellos da provincia, así como 219 contadores en alta.

O sistema tamén contempla a monitorización de diferentes infraestruturas hidráulicas, entre elas 11 captacións, 9 estacións de tratamento de auga potable (ETAP), 11 depósitos, 33 reguladoras, 20 bombeos de residuais e 119 estacións depuradoras de augas residuais (EDAR).

0.099610805511475