A Deputación impulsa un programa pioneiro para conectar e dinamizar os espazos museísticos da provincia

A Deputación de Ourense, a través do CCP Xaquín Lorenzo-Escola de Danza e en colaboración coa Área de Antropoloxía Social da Universidade de Vigo (Campus de Ourense) e o Museo do Pobo Galego, vén de presentar un novo programa orientado á dinamización dos espazos expositivos etnográficos e etnolóxicos da provincia.
A iniciativa, titulada “Cada vimbio conta: coñecernos para conectarnos”, desenvolverase entre o 5 e o 21 de maio e incluirá dúas xornadas técnicas e catro actividades repartidas en distintos concellos: Ribadavia, Allariz, San Cristovo de Cea, Quintela de Leirado e A Pobra de Trives.
Durante a presentación no Pazo Provincial, o vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández, cualificou o proxecto como pioneiro e destacou que sitúa a Ourense “á vangarda galega na museoloxía etnolóxica”, ao tempo que responde á necesidade de preservar e poñer en valor o patrimonio cultural. No acto tamén participaron Fátima Braña, da Área de Antropoloxía Social da Universidade de Vigo, e Xavier Álvarez, técnico do CCP Xaquín Lorenzo.
Fernández subliñou ademais o papel das institucións á hora de implicar á cidadanía e explicou que esta iniciativa encaixa na estratexia de crear, xunto á Universidade de Vigo, unha rede que “dea amparo a estes espazos expositivos e etnolóxicos para que sexa o instrumento de traballo que nos permita actuar de xeito coordinado para dotar de contido e actividade aos centros que temos na provincia”.
O programa busca favorecer o coñecemento mutuo entre máis de 70 espazos museísticos identificados en Ourense e promover dinámicas de colaboración. Para iso, combinaranse relatorios de especialistas con espazos de traballo participativo nos que tomarán parte profesionais que desenvolven a súa actividade nestes centros.
Entre os relatores convidados figuran expertos recoñecidos na xestión museística e no traballo en rede, como Juaco López Álvarez (Museo del Pueblo de Asturias), Jordi Abella (Ecomuseu de les Valls d’Àneu) e Luis Grau Lobo (Museo de León e ICOM España). As súas intervencións achegarán experiencias consolidadas e visións externas co obxectivo de enriquecer o proceso.
Con todo, a iniciativa pon especial énfase na participación directa das persoas que traballan nos propios espazos museísticos da provincia. A través de dinámicas de grupo e sesións de intercambio, preténdese visibilizar o seu labor, identificar boas prácticas e detectar necesidades comúns.
O proxecto xira arredor de dúas ideas clave: coñecerse e escoitarse. Tal e como se explica na proposta, este proceso permitirá facer visible unha realidade a miúdo fragmentada e avanzar cara a unha xestión baseada na colaboración e na confianza.