A Deputación impulsa unha nova edición dos campamentos de verán Explora Ourense e Music Camp

OurenseXa
O Complexo Turístico de O Corgo acollerá durante xullo e agosto actividades dirixidas á mocidade centradas na natureza, o deporte, a creatividade e a música
presentacion-campamentos-dep-ourense
3 Jun 2026

A Deputación de Ourense volve apostar este verán por dúas das súas propostas xuvenís máis consolidadas coa organización dunha nova edición dos campamentos Explora Ourense e Music Camp, que se desenvolverán no Complexo Turístico de O Corgo, no municipio de Muíños.

A iniciativa foi presentada no Centro Cultural Marcos Valcárcel nun acto no que participaron representantes da Deputación, do Concello de Muíños e das entidades responsables de ambos programas. As actividades terán como escenario as instalacións de O Corgo, situadas xunto á praia fluvial do encoro das Conchas.

O primeiro dos programas será Music Camp, que celebrará a súa oitava edición entre os días 20 e 26 de xullo. Organizado pola Casa da Música de Ourense coa colaboración da Deputación, está dirixido a mozos e mozas de entre 13 e 18 anos que acrediten experiencia musical previa.

O campamento contará con 40 prazas e combinará formación musical con actividades de lecer, deporte, aventura e contacto coa natureza. O obxectivo é favorecer a convivencia e a creación de vínculos entre participantes que comparten a música como interese común.

Xa en agosto chegará a quenda de Explora Ourense, unha proposta de carácter lúdico e educativo promovida por Sustinea en colaboración coa institución provincial. O programa inclúe actividades relacionadas coa natureza, os deportes, os xogos ao aire libre e a expresión artística.

Esta iniciativa desenvolverase en dúas quendas entre os días 9 e 13 de agosto. A primeira estará destinada a nenos e nenas de entre 9 e 11 anos e a segunda a participantes de entre 12 e 14 anos. En ambos os casos ofertaranse grupos de 25 prazas.

Con esta nova edición, a Deputación busca ofrecer alternativas de ocio educativo durante o período estival, favorecendo a convivencia, a aprendizaxe e o contacto coa contorna natural da provincia.

0.12020301818848