A Deputación mobiliza medio millón de euros en cooperación cos concellos

OurenseXa
Tamén se lles deu luz verde ás bases reguladoras de dúas convocatorias de axudas: as destinadas a clubs deportivos (350.000 euros); e as becas para deportistas individuais (30.000 euros). O prazo de solicitude para ambas rematará o vindeiro 25 de marzo
Xunta_Goberno_Deputación_Ourense
Xunta de Goberno da Deputación de Ourense
20 feb 2024

A xunta de goberno desta semana aprobou a mobilización dun total de 865.020,05 euros de fondos destinados a cooperar cos concellos en diferentes obras (485.020,05 euros), así como en activar a convocatoria de axudas a clubs e deportistas individuais (380.000 euros).

Deste xeito, no que atinxe á cooperación cos municipios, ao Concello de Oímbra concedéronselle dúas achegas: para a execución da obra de mellora de bombeo de auga (48.000 euros), así como para a humanización de Espiño (48.000 euros). Para o Concello de A Merca aprobouse unha axuda de 48.000 euros para o firme de acceso a Cobas do Río. No que atinxe ao Concello de O Carballiño, destínanse 48.000 euros para acometer melloras nas infraestruturas viarias de Madarnás. O Concello de Esgos percibirá dúas axudas: para a renovación de instalación de iluminación pública (35.500 euros) e para a mellora da eficiencia enerxética (30.781 euros). Ao Concello de Laza destínanse 48.000 euros para o abastecemento e saneamento na rúa das Súas Chousas. Para a pavimentación e humanización do tramo final da rúa Casa Nova, en Leiro, asígnanse 48.000 euros. O Concello de Manzaneda percibirá 47.916 euros para obras de mantemento na rede de abastecemento en Reigada. Tamén para mellora do abastecemento, neste caso en Xunqueira e Pardeconde, será axuda de 42.823,05 euros concedida ao Concello de Xunqueira de Espadanedo. Por último, ao Concello de A Teixeira destínanse 40.000 euros para o proxecto de reconstrución de muros en Xirás.

No que respecta ás axudas destinadas a clubs deportivos e becas para deportistas individuais, a Xunta de Goberno desta mañá aprobou senllas bases que rexerán ambas convocatorias para este ano. Para os club destinarase un total de 350.000 euros, mentres que para as becas a deportistas individuais o total será de 30.000 euros. O prazo para presentación de solicitudes para ambas convocatorias comezará a partir da publicación da convocatoria na Base Nacional de Subvencións e rematará o 25 de marzo.

Por último, dous asuntos que se aprobaron esta mañá foron aprobar a derrogación do prezo público por tradución de anuncios no Boletín Oficial da Provincia; e tamén se activou unha expropiación forzosa para a execución das obras de reposición da obra de paso dun regato na estrada OU-1202, en Muíños.