A Deputación mobiliza preto de 220.400 euros en axudas ao deporte, protección animal e cooperación cos concellos

OurenseXa
Un dos puntos máis destacados da sesión é a posta en marcha dunha nova convocatoria de axudas destinada á formación de técnicos deportivos, cunha dotación de 20.000 euros
luis-menor
1 Jun 2026

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense deu luz verde a un paquete de acordos que suma 220.397,81 euros e que se distribúe entre novas liñas de apoio ao deporte, subvencións para protección animal e investimentos en cooperación cos concellos da provincia.

Un dos puntos máis destacados da sesión é a posta en marcha dunha nova convocatoria de axudas destinada á formación de técnicos deportivos, cunha dotación de 20.000 euros. Esta iniciativa busca facilitar que persoas vinculadas a clubs da provincia poidan acceder a titulacións oficiais ou ampliar a súa preparación a través de cursos e accións formativas.

O presidente provincial, Luis Menor, puxo en valor esta medida ao sinalar que “o deporte non se constrúe só cos éxitos dos deportistas. Detrás de cada club e de cada canteira hai profesionais que forman, acompañan e transmiten valores. Investir na súa formación é investir no futuro do deporte ourensán”.

Segundo a institución, esta liña tamén pretende reforzar a estrutura técnica dos clubs, especialmente naquelas disciplinas con máis dificultades para incorporar persoal especializado.

A Xunta de Goberno aprobou tamén unha liña de axudas por valor de 25.000 euros dirixida a entidades de protección animal que colaboran na atención dos animais procedentes dos centros de acollida da rede provincial.

Con esta convocatoria, a Deputación pretende apoiar o labor destas asociacións e contribuír ao mantemento dos recursos necesarios para o coidado dos animais.

O resto do investimento, 175.397,81 euros, destínase a actuacións de cooperación municipal en varios concellos da provincia, centradas na mellora de infraestruturas básicas.

As achegas distribúense entre Larouco, Bande, O Bolo e Cenlle. Larouco recibirá 104.097,81 euros para actuacións en instalacións municipais e nun vial; Bande contará con 10.000 euros para a mellora dun camiño en Valbuxán; O Bolo disporá de 21.300 euros para obras viarias; e Cenlle obterá 40.000 euros para a mellora de camiños rurais en Barbantes.

Luis Menor destacou que a cooperación cos concellos segue a ser “a principal razón de ser dunha deputación provincial”, incidindo en que estas actuacións contribúen á mellora dos servizos públicos e á fixación de poboación no rural ourensán.

0.11597204208374