A Deputación participa no proxecto DATAlife para aplicar a IA á prevención do deterioro cognitivo

A Deputación de Ourense incorpórase ao Espazo de Datos da Saúde DATAlife, unha iniciativa impulsada polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) que busca promover o uso compartido e seguro de datos para avanzar en proxectos de innovación no ámbito sanitario e social.
Esta adhesión será posible grazas a unha axuda concedida por Red.es, organismo público estatal, que cubrirá a totalidade dos custos asociados á integración da entidade provincial. O proxecto forma parte do programa Kit Espazos de Datos, integrado no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e financiado con fondos europeos Next Generation EU. A Deputación de Ourense sitúase entre as sete entidades seleccionadas en toda España nesta convocatoria.
A participación no ecosistema DATAlife permitirá á institución ourensá achegar información procedente do servizo de Teleasistencia Domiciliaria Avanzada, sempre en formato anonimizado e sen datos persoais identificables. Estes rexistros inclúen información sociodemográfica, seguimento dos usuarios, intervencións realizadas e incidencias técnicas, entre outros parámetros.
A finalidade desta contribución é facilitar o desenvolvemento de novas ferramentas baseadas en intelixencia artificial que permitan analizar patróns e detectar posibles riscos asociados ao deterioro cognitivo en fases temperás. Estes modelos, baseados en técnicas de aprendizaxe automática, aspiran a mellorar a capacidade de anticipación dos sistemas de atención.
Segundo destaca a institución provincial, esta liña de traballo pode ter un impacto directo na calidade de vida das persoas usuarias, ao favorecer unha atención máis preventiva e unha mellor planificación dos coidados, ao tempo que optimiza os recursos dispoñibles.
Con este paso, a Deputación de Ourense reforza o seu compromiso coa innovación, a dixitalización dos servizos públicos e a aplicación de tecnoloxías emerxentes orientadas ao benestar da cidadanía, especialmente das persoas maiores e dos colectivos máis vulnerables.