A Deputación presenta en CitiGal 2026 a súa estratexia de turismo intelixente baseada na dixitalización e a gobernanza provincial

A Deputación de Ourense aproveitou a súa participación no Congreso CitiGal 2026 para dar a coñecer o modelo de xestión turística que desenvolve nos últimos anos e que culminou coa integración da provincia na Plataforma Intelixente de Destinos (PID), promovida por SEGITTUR.
O encargado de presentar esta experiencia foi o director da área de Transparencia e Goberno Aberto da institución provincial, Marcos Valiño, que participou cun relatorio centrado na evolución da estratexia turística ourensá e no papel da administración provincial como elemento vertebrador dun territorio con recursos turísticos dispersos.
Baixo o título "A xestión turística a nivel provincial, Ourense como exemplo", Valiño explicou o proceso iniciado en 2019 coa adhesión ao Plan Nacional de Territorios Intelixentes e a colaboración establecida entre a Deputación e Red.es. Segundo expuxo, ese camiño permitiu avanzar progresivamente cara a un modelo baseado na dixitalización, a análise de datos e a coordinación entre administracións.
Durante a súa intervención, destacou a importancia da escala provincial para articular políticas turísticas en territorios nos que a oferta está repartida entre numerosos concellos. Neste sentido, defendeu que a cooperación entre municipios resulta esencial para mellorar a competitividade do destino e optimizar recursos.
Outro dos aspectos abordados foi a vinculación da estratexia tecnolóxica coa identidade propia da provincia. O responsable provincial sinalou que o desenvolvemento do modelo de destino intelixente se apoiou especialmente no potencial do turismo termal, un dos principais elementos diferenciadores de Ourense.
Valiño tamén se referiu ao proxecto Ourense Cerca De TI, co que a Deputación busca consolidar a integración dos recursos turísticos provinciais na Plataforma Intelixente de Destinos. Esta ferramenta permitirá compartir información, servizos e sistemas de gobernanza dixital nun ecosistema común orientado á mellora da xestión turística.
Como peche da súa intervención, o director de Transparencia e Goberno Aberto defendeu que a transformación dixital dos destinos debe partir dunha planificación estratéxica previa. Segundo sinalou, a experiencia de Ourense demostra que a tecnoloxía resulta máis eficaz cando se pon ao servizo dun proxecto territorial definido e dunha visión clara de desenvolvemento.