A Deputación presenta unha nova edición da revista Raigame centrada na conexión entre tradición e actualidade

OurenseXa
O novo número estrutúrase arredor de contidos que conectan tradición e ciencia, cun especial protagonismo da astronomía na cultura popular
presentacion-raigame-54
6 May 2026

A Deputación de Ourense presentou unha nova edición da revista Raigame, que chega ao seu número 54 e continúa a consolidarse como unha publicación de referencia no estudo e divulgación da cultura tradicional galega desde unha perspectiva actual e multidisciplinar.

Durante o acto, o vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández, puxo en valor a publicación ao sinalar que “é das máis agardadas polo seu aporte ao ámbito científico, etnográfico e etnolóxico e responde ao compromiso firme da Deputación coa Cultura”.

Pola súa parte, o coordinador da revista, Xavier Álvarez, explicou que o obxectivo de Raigame é abordar cuestións de actualidade vinculadas ao patrimonio cultural, destacando que neste número o eclipse ten un papel central, “afondando no aspecto máis humano e antropolóxico deste fenómeno astronómico”. O colaborador Xavier Viana tamén agradeceu o apoio institucional, destacando “o compromiso da Deputación coa cultura tradicional e coa salvagarda do patrimonio material e inmaterial”.

O novo número estrutúrase arredor de contidos que conectan tradición e ciencia, cun especial protagonismo da astronomía na cultura popular. Entre eles inclúese o estudo do eclipse solar previsto para o 12 de agosto, acompañado dunha análise histórica doutros eclipses observados en Ourense e referencias á súa pegada na memoria colectiva.

A publicación incorpora tamén traballos de etnoastronomía, como o estudo dos elementos simbólicos nos hórreos —recoñecidos como Manifestación Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial— e unha investigación sobre os reloxos de sol na arquitectura popular ourensá, con máis de 400 exemplos documentados na provincia.

Outro dos apartados recolle crenzas populares sobre a influencia da lúa nas labores agrícolas e inclúe unha nova entrega de literatura de cordel centrada na astroloxía e na interpretación tradicional dos fenómenos naturais.

No ámbito etnográfico, Raigame aborda sistemas tradicionais como a “veceira”, ligada ao pastoreo comunitario, e iniciativas de recuperación de oficios históricos como o traballo do liño e a produción de seda impulsadas polo Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo.

A revista complétase con estudos sobre a organización do territorio e a memoria colectiva, entre eles investigacións sobre microtoponimia no concello de Esgos e sobre antigos sistemas de delimitación de terras, hoxe en retroceso polo abandono do rural.

Con unha tirada de 750 exemplares, distribúese de forma gratuíta en concellos, centros educativos, bibliotecas, museos e entidades culturais da provincia, ademais do Servizo de Publicacións e do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo da Deputación de Ourense.

A institución provincial reafirma así o seu apoio á investigación e difusión do patrimonio cultural ourensán, co obxectivo de contribuír á súa conservación e á transmisión da identidade colectiva.

0.099426031112671