A Deputación promociona a provincia de Ourense na Feira Internacional de Turismo do Interior, Intur 2024

OurenseXa
A Deputación de Ourense presentará ata o próximo 17 de novembro iniciativas concretas como unha área adicada ao Camiño Mozárabe-Vía da Prata
Exposiitor da Deputación de Ourense en Intur 2024
Expositor da Deputación de Ourense en Intur 2024
16 Nov 2024

A Deputación de Ourense, na súa labor de promover a provincia de Ourense como destino turístico de calidade, participa esta fin de semana na Feira Internacional de Turismo do Interior (Intur 2024), en Valladolid. Por primeira vez, e a través do Inorde, organismo autónomo do goberno provincial, facilítase o contacto de dezaoito empresas turísticas ourensás ante maioristas de viaxes de ámbito nacional e internacional, que buscan novas ofertas de turismo de interior.

Trátase dunha promoción conxunta pioneira dos produtos e servizos das empresas ourensás, unha oportunidade para promover os seus produtos en mercados de proximidade. Esta acción, en colaboración coa Axencia Galega de Turismo, permitiu aos emprendedores ourensáns a poñerse en contacto con mercados de primeiro nivel; na liña estratéxica da Deputación de adaptar a oferta turística da provincia e servir de soporte ás iniciativas empresariais que xorden en Ourense.

Na xornada previa ao arranque da feira, os emprendedores ourensáns lograron ata 150 citas de negocios. Mantiveron reunións de negocios con España, Portugal, Estado Unidos, Brasil, Bélxica, China, Alemaña, Polonia e Italia.

A participación da Deputación de Ourense en Intur céntrase a partir de hoxe en promover as diferentes iniciativas en materia turística. Este labor faise cun expositor propio polo que se espera que pasen milleiros de visitantes e, en particular, representantes de axencias de viaxes da área de Valladolid e do conxunto da comunidade de Castela e León.

A participación da Deputación de Ourense en Intur no seu propio expositor presenta ata o próximo 17 de novembro iniciativas concretas como unha área adicada ao Camiño Mozárabe-Vía da Prata, financiada a través do programa Interreg Camino Vertical, destinada a motivar aos visitantes a percorrer esta Vía de Peregrinación.

O expositor da Deputación de Ourense tamén promove outros recursos asociados ao Plan de Sustentabilidade, no marco do destino Ourense Termal, con iniciativas como a experiencia dos ecobarcos a través dos embalses do territorio. Así, os visitantes poderán vivir ademais a experiencia dunha visita virtual aos canóns do Sil da Ribeira Sacra. Ademais, o patrimonio etnográfico ten un destacado protagonismo no expositor, cunha representación das máscaras do Entroido e os pobos con encanto.

Os informadores profesionais de turismo distribuirán durante as xornadas da feira información detallada de tódalas comarcas da provincia, poñendo en valor sinais de identidade ourensáns como o termalismo, a tradición, o patrimonio, a paisaxe, a gastronomía ou o enoturismo, entre outros.

0.2001941204071