A Deputación promove unha xornada para achegar aos concellos as oportunidades da transición enerxética

OurenseXa
Representantes municipais coñecen experiencias sobre comunidades enerxéticas e mobilidade eléctrica para impulsar un modelo máis sostible
xornada-transiciion-enerxetica-dep-ourense
10 Jun 2026

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, inaugurou no Centro Cultural Marcos Valcárcel a Xornada Municipal sobre Comunidades Cidadás de Enerxía e Mobilidade Eléctrica, unha iniciativa dirixida aos concellos da provincia para dar a coñecer ferramentas, experiencias e solucións orientadas á transición cara a un modelo enerxético máis sostible e eficiente.

Durante a apertura do encontro, Menor agradeceu a participación dos representantes municipais e destacou que a iniciativa busca acompañar ás administracións locais nun proceso de transformación que, segundo indicou, supón unha oportunidade para mellorar os servizos públicos, reducir custos e reforzar a competitividade dos municipios.

O presidente provincial sinalou que a provincia conta con recursos e capacidades para afrontar este reto, facendo referencia ao potencial de xeración enerxética, aos recursos naturais, ao talento e á implicación das administracións locais. Neste sentido, afirmou que “se hai un territorio preparado para liderar esta transformación é precisamente o noso”.

Luis Menor defendeu tamén o papel do rural na transición enerxética, apostando por modelos vinculados ás comunidades enerxéticas, ao autoconsumo compartido e á mobilidade sostible. “Durante demasiado tempo moitas innovacións chegaron primeiro ás cidades e só despois ao resto do territorio, pero agora temos a oportunidade de demostrar que Ourense pode situarse na vangarda deste cambio”, asegurou.

Ademais, destacou a importancia da colaboración entre administracións e cidadanía para impulsar este tipo de proxectos. “A verdadeira enerxía transformadora non está só na tecnoloxía, senón nas persoas, nos veciños e veciñas que participan, e nos alcaldes e alcaldesas que impulsan iniciativas capaces de mellorar a vida da súa comunidade”, sinalou.

Ao longo da mañá, os asistentes coñeceron diferentes experiencias relacionadas co desenvolvemento de comunidades cidadás de enerxía e coa implantación de solucións de mobilidade eléctrica en contornas municipais.

O programa incluíu relatorios sobre comunidades enerxéticas municipais, mobilidade sostible e ferramentas específicas para os concellos, así como a presentación de experiencias desenvolvidas en distintos territorios, entre elas unha comunidade cidadá de enerxía en Jaraíz de la Vera (Cáceres) e o proxecto Rural MOVE impulsado en San Xoán de Río.

A xornada concluíu cun chamamento á cooperación institucional e ao intercambio de coñecementos para aproveitar as oportunidades que ofrece a transición enerxética como motor de desenvolvemento económico, aforro e innovación na provincia.

0.12394309043884