A campaña provincial “8M, mes a mes” de maio reivindica a autonomía financeira das mulleres

A Deputación de Ourense reivindica a autonomía financeira das mulleres na camapaña “8M, mes a mes” de maio, unha iniciativa que busca manter viva durante todo o ano a reivindicación da igualdade real entre mulleres e homes, visibilizando referentes femininos en distintos ámbitos profesionais e sociais.
Nomeadamente, a xornada está dedicada a Mariví Iglesias Castelo, consultora de finanzas persoais, formadora e emprendedora, recoñecida pola súa traxectoria na divulgación da educación financeira con perspectiva de xénero. Baixo o lema “Autonomía financeira: o último teito de cristal que imos romper”, o programa pon o acento na importancia da independencia económica como piar fundamental da liberdade e da igualdade efectiva das mulleres.
A deputada de Igualdade da Deputación, Teresa Barge, destaca o labor de Mariví Iglesias Castelo “na loita contra a denominada violencia económica, unha forma de desigualdade silenciosa que afecta a moitas mulleres e que limita a súa capacidade para tomar decisións sobre a súa propia vida”. A través do seu traballo en planificación financeira, investimento e xubilación, Mariví promove ferramentas que contribúen á emancipación e ao empoderamento feminino, explica Barge.
Coautora do libro ‘As túas finanzas e as túas emocións’, a homenaxeada neste mes defende que a educación financeira é tamén unha cuestión social e política, ao permitir ás persoas adquirir autonomía e seguridade no seu día a día.
Iniciativas como “8M, mes a mes”, explican desde a institución provincial, buscan precisamente recoñecer a mulleres que, desde distintos ámbitos profesionais, contribúen a construír unha sociedade máis xusta, visibilizando referentes femininos e fomentando a igualdade de oportunidades. Mariví Iglesias Castelo encarna, ademais, os valores de emprendemento, colaboración e sororidade que inspiran este programa, acompañando a outras mulleres para que deixen de ser espectadoras das súas finanzas e se convertan en protagonistas do seu futuro.