A Deputación salienta o papael das Xornadas de Folclore para converter á provincia nun espazo de intercambio cultural

OurenseXa
Preto de 170 artistas de Armenia, Ecuador, México, Serbia, Taiwán e Senegal participan nunha edición que levará a música e as danzas tradicionais a 16 vilas da provincia
recepcion-xornadas-de-folclore-2026
14 Aug 2026

O Salón de Plenos do Pazo Provincial acolleu este xoves a tradicional recepción institucional aos integrantes das agrupacións internacionais que participan nas XLI Xornadas de Folclore, unha das citas culturais máis consolidadas do verán ourensán.

O acto estivo presidido polo deputado de Representación Institucional da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e polo director das Xornadas, Xulio Fernández Senra, que deron a benvida aos representantes das seis formacións participantes nesta edición. As agrupacións proceden de Armenia, Ecuador, México, Serbia, Taiwán e Senegal e están a percorrer estes días diferentes puntos da provincia para mostrar a súa música e as súas danzas tradicionais.

A recepción contou ademais cun momento especialmente emotivo coa homenaxe a María Dolores Ruiz Santiago, funcionaria xubilada que desenvolveu a súa carreira profesional na Universidade Laboral e que mantivo durante anos unha estreita relación coas Xornadas de Folclore.

A organización quixo recoñecer a súa dedicación e colaboración con esta iniciativa cultural, tanto durante a súa etapa profesional como despois da súa xubilación, mantendo o seu compromiso co desenvolvemento das Xornadas.

Rosendo Fernández trasladou aos participantes o saúdo da Deputación e agradeceu a súa presenza na provincia. O deputado destacou que a recepción “simboliza á perfección o espírito dunhas Xornadas que converten Ourense nun espazo de convivencia, intercambio e irmandade entre culturas chegadas de diferentes lugares do mundo”.

Fernández salientou tamén que durante estas xornadas os ourensáns poden coñecer “músicas, danzas, traxes e tradicións de países moi afastados xeograficamente”, pero tamén comprobar que “a cultura é unha linguaxe universal capaz de achegar aos pobos e crear vínculos que permanecen máis alá dos escenarios”.

O deputado de Representación Institucional puxo en valor a traxectoria das Xornadas, que este ano alcanzan a súa 41ª edición e que, segundo sinalou, “forma parte da memoria cultural e afectiva de varias xeracións de ourensáns”.

Neste sentido, destacou o carácter provincial do festival, xa que as actuacións permiten “achegar espectáculos internacionais de primeiro nivel ás nosas vilas e compartir a cultura cos veciños e visitantes en todo o territorio”.

Fernández animou tamén aos integrantes das delegacións internacionais a aproveitar a súa estancia para “coñecer tamén Ourense, a nosa cultura, o noso patrimonio e, sobre todo, a hospitalidade da nosa xente”. Ademais, desexoulles que “cando regresen aos seus países leven consigo unha pequena parte desta provincia e o recordo do cariño co que aquí os recibimos”.

Preto de 170 artistas de catro continentes

As XLI Xornadas de Folclore reúnen nesta edición preto de 170 artistas procedentes de catro continentes. As formacións participantes son Sebastia Dance Ensemble - Taron Aesthetic Center, de Armenia; Elenco Ñukanchik, de Ecuador; Compañía Nacional de Danza Folklórica de Nieves Paniagua, de México; Folk Dance Group “Tucović”, de Serbia; YiTzy Folk Dance Theatre, de Taiwán; e Ballet Jammu, de Senegal.

As agrupacións continuarán coa súa xira pola provincia ata o 20 de agosto. Ao longo destas xornadas pasarán por un total de 16 vilas, onde achegarán ao público ourensán diferentes manifestacións do patrimonio cultural inmaterial dos países participantes.

As Xornadas de Folclore están organizadas pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia e dos concellos participantes.

0.13339591026306