A DXT pon en marcha a campaña de seguridade viaria para o Nadal na provincia de Ourense
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, acompañou esta mañá ao xefe provincial de Tráfico, David Llorente, e ao capitán da Garda Civil, Juan Carlos Nogueiras, na presentación dunha nova campaña de control de consumo de alcohol e drogas posta en marcha pola DXT, que tivo lugar a Estación de Servizo O Viso, na N-525 dirección Santiago de Compostela.
Nestes días increméntanse as comidas e ceas de empresa, así como os desprazamentos por estrada para visitar a familiares e amigos ou facer compras. Ademais, como consecuencia destas primeiras celebracións de Nadal tamén aumenta o consumo de alcohol e drogas, incompatibles cunha condución segura. Por este motivo, a DXT pon hoxe en marcha en todo o territorio unha nova campaña de control de consumo de sustancias por parte dos condutores. A Garda Civil de Tráfico, xunto con varias Policías Locais da provincia, vixiarán as estradas ourensás realizando numerosos controis.
Durante o 2024, na nosa provincia rexistráronse 14 vítimas mortais consecuencia de accidentes de tráfico, así como 72 persoas feridas graves. Cifras mellores que as rexistradas en 2023, pero que aínda se atopan lonxe do obxectivo: cero falecementos nas estradas ourensás. “Gustaríanos que este ano se pechase sen ningún falecido máis, de aí o inicio desta campaña de controis”, explicou o xefe provincial de Tráfico, David Llorente.
Pola súa banda, o subdelegado do Goberno, Eladio Santos, lembrou que “aproximadamente, nun terzo dos accidentes ten presenza o consumo de alcohol e drogas. É un problema, de feito, na campaña similar realizada o ano pasado deron positivo 85 condutores, valores moi elevados. O consumo de alcohol diminúe a sensación de perigo, prolonga os tempos de reacción e altera a percepción da realidade por parte do condutor. Hai que pensar que cando conduces logo de tomar alcohol ou drogas estás poñendo en perigo a túa vida e a de outras persoas que están na estrada tamén”.
Por iso, o subdelegado insistiu en que debemos elixir outros medios tras as nosas comidas e ceas de Nadal. “Nestes días que temos moitas celebracións debemos buscar alternativas, usar medios de transporte público e outros servizos, pero renunciar a conducir. Alcohol e volante non son compatibles”, concluíu.