A EASD entrega Estrellas venres os Premios de Dinamización Lingüística

OurenseXa
A Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde presentará este venres 26 de abril o Anuario de 2023 e fará entrega dos premios aos mellores proxectos finais de estudos en galego
easd-antonio-failde
Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde
Redacción Ourensexa
25 abr 2024

A Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde presentará este venres 26 de abril, ás 12:30 horas, a anuario de 2023. Na publicación recóllese unha mostra da actividade académica, creativa e cultural, desenvolvida durante o curso 2023 cumpríndose xa 15 anos dende que se deseñou o primeiro número. Cada curso, serve como exercicio de estilo para unha nova promoción de deseñadoras e deseñadores, formados nas aulas da EASD, sinalan desde a escola. Nesta ocasión, o deseño foi levado a cabo por Génesis Pereira Dopazo, Sara Pérez Gregores e Cristina Sánchez Meilán, estudantes de 4º curso do título de grao en Ensinanzas Artísticas Superiores de Deseño na especialidade de Gráfico, que relatarán como naceu e se desenvolveu este proxecto.

O Anuario da EASD Antonio Faílde ten como obxectivos principais promover o traballo do noso alumnado, dar a coñecer a oferta educativa da escola e difundir a nosa atividade na contorna social, cultural, profesional e produtiva. Os seus contidos distribúense entre proxectos do alumnado de Ebanistería Artística, Ilustración, Fotografía, Deseño de Interiores e Deseño Gráfico, e colaboracións de prestixiosos pofesionais.

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega fará entrega dos premios aos mellores proxectos finais de estudos en galego. Estes premios teñen dotación económica e concédense a estudantes das Ensinanzas Artísticas Profesionais e das Ensinanzas Superiores de Deseño.

Ademais, o alumnado co mellor expediente académico en Fotografía, Ebanistería Artística e Deseño de Interiores será agasallado cun exemplar de "O fardel da guerra" de Conde Corbal.