A Escola de Artes e Oficios conmemora os seus 134 anos cunha exposición das creacións do alumnado

A Escola de Artes e Oficios da Deputación de Ourense inaugurou este martes a exposición “134”, unha mostra colectiva coa que o centro quere render homenaxe á súa traxectoria histórica a través dos traballos realizados polo alumnado ao longo do curso.
A exposición, instalada na Biblioteca Nós, reúne 101 pezas pertencentes ás diferentes disciplinas que se imparten na escola e poderá visitarse ata o próximo 19 de xuño.
Durante a inauguración, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, puxo en valor o papel da Escola de Artes e Oficios, creada no ano 1891, destacando que continúa sendo “unha das principais institucións formativas no ámbito cultural da nosa cidade con 275 alumnos e alumnas”.
Menor subliñou tamén o incremento continuado da demanda formativa do centro, asegurando que este crecemento “demostra que se trata dun centro de referencia e unha escola que ofrece unha gran calidade formativa”. Neste sentido, comprometeuse a seguir impulsando o proxecto para que continúe sendo “un referente 134 anos máis”.
Na actualidade, o alumnado distribúese entre distintas especialidades, entre elas debuxo e pintura, modelado en barro, talla en madeira e olería.
No acto inaugural, o presidente provincial recibiu ademais dúas esculturas de Santa Rita elaboradas nos cursos de talla, modelado e pintura, así como a primeira “ola” realizada con arxila de Loñoá das Olas, en Pereiro de Aguiar, unha peza que a Deputación empregará como agasallo protocolario.
A Escola xa traballa tamén na súa próxima proposta expositiva. Segundo avanzaron durante a presentación, un grupo de alumnos voluntarios participa na preparación da mostra “Camiño”, unha iniciativa vinculada á celebración do Ano Santo 2027.