A Escola de Enxeñaría Aeronáutica de Ourense entregou os premios do certame AeroVisión 2025

A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense entregou este venres os galardóns da terceira edición do certame AeroVisión 2025, no que a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo convidaba a presentar as mellores imaxes do ámbito aeronáutico e/ou espacial. O obxectivo desta iniciativa é contribuír a visibilizar a ciencia e a tecnoloxía espacial ante a sociedade co gallo do Día Internacional dos Voos Espaciais Tripulados e o Día da Cosmonáutica. Ao certame presentáronse máis dunha vintena de propostas e un xurado elixiu entre elas un primeiro premio (dotado cun dron); un segundo (un telescopio) e un terceiro (uns prismáticos). Desde a organización do concurso destacaron a boa acollida desta iniciativa e a calidade das propostas presentadas e animaron ao alumnado do centro a presentar tamén en vindeiras edicións as súas imaxes.
O primeiro premio AeroVisión 2025 foi para David Piqueras Aparicio, de Valencia, “gran afeccionado á montaña e á fotografía” pola súa imaxe ‘Rescate na montaña’. O segundo premio recaeu en Iñaki Abella Diéguez, ourensán afincado en Vilagarcía de Arousa, que “conta con máis de 15 anos de traxectoria profesional no mundo da fotografía e amplos estudos especializados na materia”. A súa fotografía premiada leva por título ‘Descarga aérea’. O terceiro premio foi para Nicolás Piñeiro Castro, de Santiago de Compostela e alumno de primeiro curso do Grao de Aeroespacial da Universidade de Vigo, pola fotografía ‘Amencer’ a 12.000 metros.