A escola infantil de San Cibrao das Viñas estrea un novo espazo exterior con horta educativa

O Concello de San Cibrao das Viñas vén de incorporar na escola infantil un novo espazo exterior renovado, acompañado dunha horta educativa na que os máis pequenos poden achegarse ao mundo da natureza a través do xogo e a experiencia directa.
Este novo recurso permite que os nenos e nenas participen en actividades vinculadas ao coidado do medio ambiente, como plantar e coidar diferentes cultivos, coñecer os ritmos naturais das plantas e comprender a importancia dun entorno sostible.
Segundo destaca o Concello, trátase dun proxecto sinxelo pero moi especial, no que a horta se converte nunha ferramenta educativa que transforma o xogo en aprendizaxe, fomentando valores de respecto pola natureza desde as primeiras idades.