A Escola Municipal de Música de San Cibrao das Viñas abre as inscricións para o curso 2026/2027

O concello de San Cibrao das Viñas abriu o prazo de inscrición para as novas prazas da Escola Municipal de Música correspondentes ao curso 2026/2027. Poderán solicitalas os veciños e veciñas empadroados no municipio que queiran incorporarse como novo alumnado.
O período de inscrición estará aberto do 17 ao 31 de agosto. A escola ofrece varias especialidades segundo a idade do alumnado: música e movemento, dirixida a nenos e nenas de 4 a 6 anos; vento-metal, a partir dos 7 anos, coas modalidades de trompeta, trompa e trombón; vento-madeira, tamén desde os 7 anos, con clarinete, frauta traveseira e saxofón; e percusión, igualmente a partir dos 7 anos.
Desde a organización lembran que as prazas irán cubríndose en cada especialidade por rigorosa orde de inscrición, polo que recomendan non demorar a solicitude. Unha vez rematado o prazo, contactarán coas persoas inscritas para concretar os horarios das clases.
O Concello anima á cidadanía a apuntarse e facer da música unha parte máis do seu día a día.