A Escudería Taboadela presenta o programa da V Subida a Taboadela

OurenseXa
A proba será puntuable para o Campionato Galego de Montaña
Presentación da V Subida a Taboadela
15 Ago 2024
Este, mércores 14 de agosto, presentouse na Casa de Oficios de Taboadela a quinta edición da Subida a Taboadela, unha proba puntuable para o Campionato Galego de Montaña. O acto contou coa presenza de destacadas autoridades do mundo do motor e da política local.
Antonio Rodríguez Troitiño, presidente da Federación Galega de Automobilismo, inaugurou a presentación, subliñando a importancia da proba no calendario automobilístico galego. Na presentación participaron tamén Diego Enrique Álvarez, asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Manuel Pérez González, xefe do Servizo de Deportes Provincial da Xunta de Galicia, o alcalde de Taboadela, Alvaro Vila Araujo, e o tenente de alcalde, Roberto Blanco, e Jorge Salgado, presidente da Escudería Taboadela. 
"Este ano, a V Subida a Taboadela ten un significado especial ao lembrar a Antonio Adao, membro destacado da escudería que faleceu hai un ano mentres preparaba a anterior edición. A súa paixón e dedicación deixaron unha pegada imborrable na comunidade automobilística de Taboadela", sinalan os organizadores.
O programa da V Subida a Taboadela comezou este mércores coa publicación dos inscritos ás 20:00 horas. O venres 16 de agosto abrirase o parque pechado, e realizaranse as verificacións administrativas e técnicas de maneira optativa. O sábado 17 de agosto, ás 15:00 horas, darase inicio á primeira manga de adestramentos, seguida da primeira e segunda manga da carreira oficial.
O domingo 18 de agosto, ás 09:00 horas, levarase a cabo a segunda manga de adestramentos, e posteriormente, a terceira e cuarta manga da carreira oficial. A entrega de premios está programada para as 14:30 horas na Praza do Concello, pechando así unha fin de semana de intensa actividade deportiva e automobilística en Taboadela.
0.17132306098938