A exposición de rúa “Comedy Wildlife” chegará a Ribadavia do 19 de agosto ao 13 de setembro

O Concello de Ribadavia, ABANCA e Afundación asinaron este mércores, 12 de agosto, un convenio de colaboración para levar á vila a exposición de rúa “Comedy Wildlife”, unha mostra que reúne fotografías de natureza abordadas desde unha perspectiva humorística.
A sinatura contou coa presenza do alcalde, César Manuel Fernández; do coordinador institucional de ABANCA en Ourense, Mateo Alonso Sanromán; e da coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano.
A exposición está integrada por unha selección de fotografías do Premio Comedy Wildlife Photo correspondentes ás edicións celebradas entre 2015 e 2024. En total, a mostra reúne 16 instantáneas distinguidas como algunhas das mellores imaxes de animais realizadas desde a diversión e o humor.
“Comedy Wildlife” chega agora ao formato de exposición de rúa despois de pasar durante os últimos dous anos por museos e centros expositivos dos Países Baixos, Inglaterra, Portugal e Canadá. A mostra tamén percorreu con éxito os centros de Afundación en Galicia.
A exposición poderá visitarse no Parque dos Xardinillos de Ribadavia desde o 19 de agosto ata o 13 de setembro. A proposta está dirixida a todos os públicos e utiliza o humor e a sorpresa como elementos para achegar as imaxes de natureza ás persoas visitantes.
A colaboración entre as tres entidades forma parte do proxecto “Corrente cultural”, unha iniciativa que concibe a arte como unha ferramenta para favorecer o coñecemento e o desenvolvemento colectivo.
A través deste programa, Afundación, a Obra Social de ABANCA, busca ampliar a presenza da súa oferta artística máis alá das súas sedes habituais e trasladar actividades culturais ás diferentes vilas galegas, favorecendo así a descentralización da programación da entidade.