A exposición 'Presas e Mestras' chega a Ramirás para recuperar a memoria das mulleres represaliadas polo franquismo

A exposición Presas e Mestras. A represión sobre as mulleres na comarca de Celanova iniciará a súa itinerancia polos concellos da comarca coa súa chegada ao Centro Sociocultural do Picouto, en Ramirás, onde permanecerá aberta ao público entre o 27 de xullo e o 7 de agosto con entrada libre.
Despois da súa estrea no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova, a mostra continúa o seu percorrido coa colaboración do Concello de Ramirás para achegar á veciñanza un proxecto centrado na recuperación da memoria das mulleres represaliadas durante a Guerra Civil e a ditadura franquista. A iniciativa busca devolver esta parte da historia aos municipios nos que viviron moitas das protagonistas.
Comisariada pola historiadora Rosa Cid Galante e cun deseño gráfico de Adriana Pérez, a exposición reúne documentos inéditos, fotografías, expedientes oficiais e testemuños familiares que permiten reconstruír a historia de decenas de mulleres cuxas vivencias permaneceron silenciadas durante décadas. O proxecto é resultado de varios anos de investigación desenvolvida polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova e conta co financiamento da Secretaría de Estado de Memoria Democrática.
A mostra organízase en dous bloques temáticos. O primeiro está dedicado ás mulleres que estiveron encarceradas na prisión de Celanova entre 1936 e 1938, cando o centro foi utilizado como cárcere feminino durante os primeiros meses do golpe militar. Nese espazo permaneceron internadas nais, esposas e familiares de persoas perseguidas polo franquismo, moitas das cales sufriron humillacións, torturas e outras formas de represión que marcaron as súas vidas e as das súas familias.
O segundo ámbito da exposición céntrase nas mestras depuradas polo réxime franquista. A través dos expedientes de depuración e doutra documentación conservada, o proxecto aborda as consecuencias persoais e profesionais que padeceron as docentes identificadas cos principios da escola pública, democrática e renovadora impulsada durante a Segunda República.
A exposición está organizada polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova e poderá visitarse de forma gratuíta no Centro Sociocultural do Picouto ata o 7 de agosto.