A exposición 'Romiña' leva ao Marcos Valcárcel a memoria e as raíces de Reme Remedios

OurenseXa
A mostra, comisariada por Marita Carmona, reúne pintura, debuxo, instalación, obra téxtil, vídeo e pezas creadas para este proxecto, e poderá visitarse ata o 30 de agosto.
DEPU OURENSE expo romiña
27 Jun 2026

O Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense acolle desde este xoves a exposición 'Romiña', da artista ourensá Reme Remedios, unha proposta que convida a percorrer os territorios da memoria, da natureza e da identidade persoal a través de diferentes linguaxes artísticas.

A mostra, inaugurada ás 19.30 horas e presidida polo deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, está comisariada por Marita Carmona e permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 30 de agosto.

O proxecto toma o seu nome da aldea da Romiña, na parroquia de Casaio, en Carballeda de Valdeorras, lugar de nacemento da artista e espazo clave no seu imaxinario creativo. A partir dese vínculo emocional e xeográfico, Reme Remedios constrúe un percorrido no que combina pintura, debuxo, instalación, obra téxtil, vídeo e novas creacións realizadas especificamente para esta exposición.

As pezas reúnen símbolos, lembranzas e experiencias que acompañan á creadora desde hai anos e que agora son revisitadas desde unha ollada contemporánea. A exposición afonda nos ciclos da vida e da morte, na memoria, nas esperanzas, na natureza e na presenza animal, cunha linguaxe marcada pola liberdade formal e pola forza simbólica.

Nacida en 1972 na Romiña, Reme Remedios desenvolveu unha traxectoria artística moi ligada á paisaxe, á tradición e aos relatos íntimos da súa biografía. Con esta exposición, o Marcos Valcárcel reforza a súa aposta pola arte contemporánea galega e por propostas que conectan creación, emoción e territorio.

0.12671089172363