A exposición sobre a represión franquista contra as mulleres da comarca de Celanova instálase en Verea

A exposición 'Presas e Mestras. A represión sobre as mulleres na comarca de Celanova', promovida polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, continúa o seu percorrido itinerante e chega este mes a Verea, terceiro concello en acollela tras o seu paso por Celanova e Ramirás. Poderá visitarse na Casa da Cultura do 17 ao 31 de agosto, de 9.00 a 14.00 horas, con entrada libre e gratuíta.
Hoxe, primeira xornada da mostra en Verea, celebrarase a primeira visita guiada, ás 12.00 horas. Nos vindeiros días, en coordinación co Concello, darase a coñecer os horarios do resto de visitas guiadas.
A mostra está comisariada pola historiadora Rosa Cid Galante, con deseño gráfico de Adriana Pérez, e reúne documentos inéditos, fotografías, expedientes oficiais e testemuños familiares que reconstrúen a historia de numerosas mulleres represaliadas durante a guerra civil e o franquismo. Organízase en dous bloques temáticos: por unha banda, as mulleres que estiveron encarceradas no cárcere feminino de Celanova entre 1936 e 1938; pola outra, as mestras que foron depuradas pola ditadura por defender os principios da escola pública republicana.
A súa chegada a Verea acada un valor particular, xa que entre as protagonistas da exposición atópase a mestra depurada Áurea González, veciña deste municipio e irmá do mestre da ATEO Julio González, asasinado na Poza das Ras en agosto de 1936. O proxecto, froito de varios anos de investigación do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, conta con financiamento da Secretaría de Estado de Memoria Democrática (Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática).