A Feira Revive volve a Ribadavia coa súa 7ª edición dedicada á suprarreciclaxe

Ribadavia prepárase para acoller unha nova cita coa creatividade sustentable. A Feira Revive, considerada a primeira feira de suprarreciclaxe e reciclaxe creativa de Galicia, celebrará a súa sétima edición os días 10 e 11 de outubro de 2026 na Igrexa da Madalena, un espazo que volverá converterse en punto de encontro entre a arte, a artesanía e o coidado do planeta.
A organización busca creadoras e creadores que transformen materiais en desuso en pezas únicas, apostando pola reutilización, a reciclaxe creativa e o consumo consciente. O obxectivo é reunir a persoas con ganas de compartir coñecemento, aprender unhas das outras e construír comunidade arredor da idea de que a creatividade pode ser unha ferramenta de transformación.
Durante a fin de semana, o público poderá gozar dunha proposta pensada para toda a familia, con actividades para inspirarse, crear, intercambiar e descubrir novas ideas arredor da arte, a música e o troco. A feira preséntase como un espazo para conectar coa terra, coa arte e coas persoas, reforzando a mensaxe de que case calquera material pode ter unha segunda vida.