A Festa da Fornada do Mato volveu ser todo un éxito entre a veciñanza de Allariz

A localidade do Mato, no Concello de Allariz, volveu celebrar con éxito unha nova edición da Festa da Fornada, unha cita dedicada a reivindicar os oficios e costumes ligados á elaboración tradicional do pan e á cultura popular.
A programación reuniu a veciñanza e aos visitantes ao longo da tarde cun obradoiro infantil de elaboración de bolos de pan, no que os máis pequenos puideron achegarse ao proceso tradicional de preparación deste alimento.
A música tomou despois o relevo coa actuación da Agrupación De Pé Feito e cos cantos de taberna interpretados polo grupo Xolda, antes de dar paso á foliada popular que puxo o peche á xornada.
Desde o Concello de Allariz agradeceron a implicación da veciñanza do Mato na organización da celebración, así como a participación de todas as persoas que asistiron ás distintas actividades. O goberno local destacou tamén a importancia de iniciativas como esta para contribuír a conservar e transmitir as tradicións populares, mantendo vivo un patrimonio cultural que forma parte da identidade do municipio.