A Festa dos Maios trasládase á Praza Maior e Santa Eufemia pola previsión de choiva

O Concello de Ourense concentrará todas as actividades da festa dos Maios mañá, domingo 3 de maio, na Praza Maior e na Praza de Santa Eufemia, onde se instalarán carpas ante a previsión de choiva. A decisión permitirá manter íntegra a programación prevista, que inclúe a exposición, o concurso, a entrega de premios e o concerto de Amancio Prada.
A colocación dos maios baixo carpas e soportais favorecerá, ademais, unha maior proximidade entre as diferentes figuras e facilitará a interacción entre autores e público, contribuíndo a reforzar o ambiente festivo da xornada.
O programa de actividades comezará pola mañá con propostas participativas e continuará ao longo do día ata a entrega de premios e as actuacións finais. A partir das 10.30 horas desenvolverase un obradoiro de confección de coroas e peiteados, seguido ás 11.00 da apertura da exposición dos maios participantes no concurso municipal.
Ás 11.30 horas terá lugar a ruada de xigantes e cabezudos con música tradicional, mentres que ás 12.00 horas comezará o canto de coplas diante do xurado.
Xa pola tarde, ás 19.00 horas, celebrarase o acto de entrega de premios xunto co canto das mellores coplas. A xornada festiva pecharase co concerto de Amancio Prada, previsto para as 19.30 horas.