A Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas entrega as tres bolsas para estudos de posgrao internacionais

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | FerrolXa | OurenseXa
A resolución desta quinta edición coincide ademais cun momento moi especial para a Fundación. O seu presidente, Tomás Notario Vacas, celebrará este mes de agosto 100 anos
entrega-bolsas-tomas-notario-vacas
1 Aug 2026

A Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas resolveu a concesión das bolsas correspondentes á V Edición do seu Programa de Bolsas de Posgrao, unha iniciativa destinada a impulsar a formación avanzada e a especialización académica da mocidade galega en universidades de recoñecido prestixio internacional.

Tras o proceso de avaliación das candidaturas presentadas, o Padroado da Fundación seleccionou a tres titulados da Universidade de Santiago de Compostela (USC), destacando a elevada calidade académica das solicitudes recibidas e o potencial das persoas candidatas para desenvolver carreiras profesionais e investigadoras de alto nivel. Nesta quinta edición, as axudas recaeron en mozos e mozas procedentes dos ámbitos de Veterinaria e Bioquímica, que continuarán a súa formación en universidades de referencia de Francia e dos Países Baixos.

Bolseiros seleccionados na convocatoria 2026

As persoas beneficiarias das Bolsas de Posgrao da Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas son:

• Paula Mariño Faro, que cursará o máster Science in Epidemiology na Universiteit Utrecht (Países Baixos).
• Roy Casero Soler, que realizará o programa Integrative Biological Sciences na Université de Strasbourg (Francia).
• Celia Durán Iglesias, que estudará o máster Physics, Engineering and Chemistry for Biology na Université Paris-Saclay (Francia).

O Programa de Bolsas de Posgrao nace co obxectivo de facilitar o acceso de estudantes con excelencia académica a programas de especialización en institucións internacionais de primeiro nivel, favorecendo a adquisición de coñecementos e competencias que contribúan ao desenvolvemento científico, académico e profesional de Galicia.

As bolsas concedidas cobren o custo íntegro da matrícula e das taxas académicas dos programas de posgrao seleccionados, así como os gastos de aloxamento e manutención durante a estancia no estranxeiro. Cada beneficiario poderá recibir ata 1.500 euros mensuais para sufragar a súa estadía, cunha dotación máxima global de 40.000 euros por bolseiro, suxeita á correspondente xustificación dos gastos.

A entrega oficial das bolsas tivo lugar na sede da Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas en Lugo e contou coa presenza do presidente da Fundación, Tomás Notario Vacas; do vicepresidente da Fundación e presidente de Caixa Rural Galega, Manuel Varela López; do director xeral de Caixa Rural Galega, Jesús Antonio Méndez Álvarez-Cedrón; de membros do Padroado, así como dos bolseiros seleccionados e dos seus familiares. Entre os asistentes atopábase tamén José Luis Benedito Castellote, presidente do Colexio Oficial de Veterinarios. Durante o acto, Tomás Notario Vacas felicitou os bolseiros e animounos a aproveitar esta oportunidade para enriquecer a súa formación nun contexto internacional, destacando a importancia de continuar impulsando o talento galego como motor de desenvolvemento para Galicia.

A resolución desta quinta edición coincide ademais cun momento moi especial para a Fundación. O seu presidente, Tomás Notario Vacas, celebrará este mes de agosto 100 anos, unha efeméride que pon en valor toda unha vida de compromiso co desenvolvemento económico e social de Galicia, e a promoción de iniciativas orientadas ao progreso das novas xeracións.

0.10781097412109