A Fundación Cum Laude organiza o I Encontro de Clubs de Lectura de Ourense polo Día do Libro

Con motivo do Día do Libro, a Fundación Cum Laude organiza, o próximo 23 de abril de 2026, o I Encontro de Clubs de Lectura da cidade, unha actividade que reunirá a persoas afeccionadas á lectura nun espazo común de intercambio e convivencia.
O encontro celebrarase no CERES, na Praza de Saco e Arce, onde as persoas participantes poderán coñecerse, conversar e compartir a súa paixón polos libros. Durante a xornada prevese a lectura de textos ou pasaxes seleccionados, así como o intercambio de recomendacións literarias entre as persoas asistentes. A organización convida a todas as persoas interesadas na lectura a sumarse á actividade e participar neste encontro.