A Fundación Curros Enríquez e a AELG únense para impulsar novas iniciativas arredor da literatura galega en Celanova

OurenseXa
O convenio entre ambas entidades promoverá actividades culturais, rutas literarias, encontros con autores e proxectos conxuntos centrados na creación vinculada á comarca
SINATURA-CONVENIO-AELG-FUNDACION-CURROS-ENRIQUEZ
22 Jul 2026

A Fundación Curros Enríquez e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) formalizaron un convenio de colaboración co obxectivo de reforzar a promoción da literatura galega e, de maneira especial, da creación literaria vinculada á Terra de Celanova.

O acordo foi rubricado polo presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, e polo alcalde de Celanova e representante da Fundación Curros Enríquez, Antonio Puga, establecendo un marco de colaboración para desenvolver iniciativas de interese común entre ambas institucións.

A través deste convenio preténdese coordinar e impulsar unha programación compartida arredor da literatura galega, prestando especial atención aos autores e autoras da comarca celanovesa.

Entre as actuacións previstas figura a organización de conferencias, obradoiros, seminarios e presentacións de libros que se celebrarán na Casa dos Poetas. O acordo tamén contempla a creación e desenvolvemento de rutas culturais e literarias para divulgar o patrimonio vinculado á literatura da zona.

Outra das liñas de traballo será a difusión da obra dos escritores e escritoras da Terra de Celanova, favorecendo ao mesmo tempo o contacto e o intercambio con integrantes da AELG.

O convenio inclúe ademais o intercambio de proxectos culturais de interese compartido e a posta en marcha de actividades relacionadas coas áreas de actuación de ambas entidades.

Coa sinatura deste acordo, a Fundación Curros Enríquez e a AELG ratifican o seu compromiso coa promoción do patrimonio literario galego e co impulso da actividade cultural na comarca de Celanova.

0.12396812438965