A Fundación Juana de Vega busca doce proxectos empresariais para impulsar o sector agroalimentario galego

ACoruñaXa | OurenseXa
A convocatoria incorpora un itinerario específico para emprendedores e empresas de dez concellos da contorna de Verín e ofrece formación e asesoramento para crear ou consolidar negocios
A CORUÑA empresa agroalimentaria
22 Nov 2026

A creación de novas empresas, a continuidade dos negocios familiares e o crecemento de pequenas e medianas compañías centran unha nova convocatoria do Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias da Fundación Juana de Vega. A entidade mantén aberto ata o martes 8 de decembro o prazo para presentar candidaturas á súa décimo quinta edición, correspondente a 2027, na que seleccionará doce proxectos para recibir formación e acompañamento especializado.

A principal novidade deste ano é a posta en marcha de GreenHub Verín-Monteval, un itinerario territorial específico destinado a persoas emprendedoras e empresas da provincia de Ourense. Poderán participar iniciativas situadas na Gudiña, A Mezquita, Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín e Vilardevós, así como na súa contorna.

Esta modalidade convivirá co itinerario xeral, aberto a proxectos localizados no resto de Galicia. En ambos os casos, poderán presentarse iniciativas vinculadas ao sector agroalimentario, tanto na produción como na transformación e comercialización, ademais de propostas dos ámbitos forestal, da bioeconomía, marisqueiro e pesqueiro. Tamén se admitirán proxectos de base tecnolóxica e servizos de apoio a estas actividades.

As solicitudes deberán tramitarse a través dos formularios dispoñibles na páxina web, onde se pode acceder á información da convocatoria.

Formación para emprender e facer medrar os negocios

O programa estrutúrase en dúas modalidades, adaptadas ao momento no que se atopa cada iniciativa. A primeira, denominada Emprendemento, está dirixida a persoas que queren crear unha empresa, asumir a sucesión dun negocio ou recuperar unha actividade familiar. O obxectivo é acompañalas na elaboración dun plan rigoroso que lles permita definir a estratexia do proxecto e preparar a súa incorporación ao mercado.

A segunda modalidade, Crecemento e Consolidación, está pensada para autónomos, micropemes e pequenas e medianas empresas que xa están en funcionamento e necesitan reforzar algunha área do seu negocio. Neste caso, o asesoramento poderá abordar cuestións como a análise de mercado, o desenvolvemento de novas propostas de valor, a organización da empresa, a planificación financeira e comercial ou as estratexias de comunicación e márketing.

A Fundación Juana de Vega promove esta iniciativa con fondos propios desde 2012. Ao longo das catorce edicións anteriores, o programa acompañou preto de 150 beneficiarios de distintos puntos de Galicia, ofrecéndolles ferramentas para desenvolver os seus proxectos e mellorar a súa actividade empresarial.

A selección dos doce participantes na convocatoria de 2027 realizarase durante o mes de xaneiro.

0.13522601127625