A Furgoteca bota a andar pola provincia de Ourense
O percorrido da nova ruta de A Furgoteca botou a andar este martes pola provincia de Ourense. A iniciativa chegará a dez concellos da zona occidental da provincia de Ourense e completará así o servizo de bibliotecas móbiles do rural lucense e ourensán que xa contaba desde 2023 con outras dúas liñas en funcionamento.
A nova Furgoteca abrangue os concellos de Lobeira, Muíños, Padrenda, Porqueira, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Ramirás, Sandiás, Sarreaus e Verea, que suman no seu conxunto 11.233 habitantes.
No primeiro ano de funcionamento, as bibliotecas móbiles estiveron presentes en 20 municipios de menos de 2.000 veciños, atenderon a 14.300 persoas e realizaron máis de 300 actividades de dinamización cultural.
As rutas de A Furgoteca viaxan dúas veces ao mes a cada un dos concellos participantes, de maneira que se asenta un dos días nas localizacións con maior afluencia de público, xa sexan feiras, mercados, centros de saúde, pavillóns de deporte ou centros socioculturais. Na outra xornada achéganse ás aldeas para ofrecer unha atención máis personalizada.
Ademais, as bibliotecas móbiles van acompañadas de diversas propostas de lecer como obradoiros, contacontos, conferencias ou actuacións musicais, entre outras citas.
Deste xeito, o servizo responde tamén á finalidade da Rede Adival de dinamización cultural no rural coa que o Goberno galego aposta por potenciar a programación cultural nas zonas non urbanas.