A Gala Solidaria da Asociación Bicos de Papel terá unha segunda edición en Ourense

A Asociación Bicos de Papel e o Concello de Ourense presentaron hoxe no Salón de Plenos do Concello a II Gala Solidaria que esta entidade celebrará na cidade.
A asociación, formada por nais e pais que viviron de preto o cancro infantil, promove esta segunda edición despois da boa acollida da primeira gala na provincia. O obxectivo é recadar fondos que permitan manter a gratuidade dos seus principais programas, entre os que se inclúen o acompañamento emocional e terapéutico, o piso de acollida e diferentes proxectos de humanización hospitalaria.
A gala terá lugar o sábado 5 de setembro, ás 18.00 horas, no Auditorio Municipal de Ourense. A proposta está pensada para toda a familia e combinará entretemento, cultura e compromiso social.
A programación incluirá diferentes actuacións dirixidas a públicos de todas as idades, ademais de sorteos e actividades destinadas especialmente ao público infantil.
A iniciativa pretende tamén ir máis alá da recadación de fondos, xa que busca contribuír á visibilización da realidade do cancro infantil na provincia de Ourense e dar a coñecer os proxectos que desenvolve a asociación para apoiar as familias.