A gastronomía ourensá promociónase na feira internacional Salón Gourmets

A Deputación de Ourense, a través do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), participa cun expositor no Salón Gourmets de Madrid, a feira internacional de alimentación e bebidas de calidade. O obxectivo é poñer en valor a gastronomía da provincia de Ourense. Neste sentido, unha das actividades destacadas é un showcooking, no que catro chefs da asociación profesional “Cociña Ourense” elaborarán receitas con produtos locais. Este evento porá en valor a fusión entre tradición e vangarda culinaria de Ourense.
Ourense preséntase en Madrid como unha provincia cun enorme potencial gastronómico, recoñecida pola calidade dos seus produtos e por contar con catro denominacións de orixe vinícolas (Ribeiro, Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras). Neste sentido, as catro D.O estarán presentes no expositor da Deputación, así como dez microempresas do sector agroalimentario e a Indicación Xeográfica Protexida do Pan de Cea.
Entre as compañías que estarán presentes no expositor, destacan sectores como os queixos gourmets, a produción de mel e derivados, patés, grelos, caracois, embutidos de porco celta, conservas, xeados artesáns ou bicas.
Un showcooking con viño das catro denominacións de orixe
Un showcooking no que os cociñeiros ourensáns elaborarán pratos con produtos das empresas participantes no Salón Gourmets, maridados con viño das catro denominacións de orixe da provincia, será unha das actividades máis destacadas da participación da Deputación de Ourense nesta feira internacional. Os cociñeiros participantes e as súas propostas son os seguintes: Alberto Fernández, do restaurante Pallabarro (Allariz), presentará un Donut de Porco Celta, harmonizado con viños da D.O. Monterrei; Samuel Moreno, do restaurante O Campanario (Luíntra), ofrecerá a Empanadiña, harmonizada con viños da D.O. Ribeira Sacra; Marco Varela, do restaurante Sábrego (Ribadavia), preparará un Tataki de Porco Celta, harmonizado con viños da D.O. Ribeiro; y Gerson Iglesias, do restaurante Erva del Hotel OCA Vila de Allariz, presentará Sopas de burro canso, harmonizadas con viños da D.O. Valdeorras.
O showcooking tamén pretende destacar a importancia de Ourense en todo o seu conxunto, destacando non só pola gastronomía, senón polo turismo termal e cultural, que atravesa a Vía da Prata convertendo a esta provincia nun lugar único en España.