A I Festa do Maior de Toén suma máis de 200 persoas anotadas

O Concello de Toén continúa co proceso de inscrición para a I Festa do Maior, unha celebración que xa conta con máis de 200 persoas anotadas e que está pensada como un encontro de convivencia e homenaxe ás persoas maiores do municipio.
O evento, dirixido a maiores de 65 anos, terá lugar o 25 de abril no pavillón do CEIP Saco e Arce, a partir das 12:00 horas, cunha misa solemne na que participarán a A.C. Breogán de San Pedro de Moreiras e a Agrupación Zoar do Vento de Toén, continuando ás 14:00 horas cun xantar que incluirá cocido completo, bica, viño D.O. Ribeiro e licores, co que se completará a sobremesa amenizada pola Charanga A Felga, para favorecer a convivencia e o ambiente festivo entre os asistentes.
Desde o Concello destacan que se trata dun día especial para compartir e recoñecer o papel das persoas maiores, consideradas exemplo de vida, forza e dignidade.