A II Gran Peregrinación do Camiño de San Rosendo e da Raíña Santa percorrerá 17 quilómetros entre A Merca e Ourense

O vindeiro domingo 10 de maio celebrarase a segunda edición da Gran Peregrinación do Camiño de San Rosendo e da Raíña Santa, unha actividade que percorrerá un tramo de 17 quilómetros entre A Merca e Ourense.
A iniciativa está organizada pola Asociación de Amigos do Camiño de San Rosendo e da Raíña Santa, coa colaboración dos concellos de Lobios, Muíños, Lobeira, Bande, Verea, Celanova, A Merca e San Cibrao das Viñas.
O programa comezará ás 09:00 horas no lugar dos Canastros, na Merca, onde se realizará a recepción das persoas participantes e a entrega dun agasallo. Media hora máis tarde, ás 09:30 horas, iniciarase a andaina. Está previsto que a chegada á Catedral de San Martiño de Ourense se produza arredor das 13:15 horas, momento no que se procederá á lectura dun manifesto.
A organización pon a disposición das persoas inscritas un servizo gratuíto de autobús. As inscricións poden formalizarse mediante o código QR do cartel ou a través dun formulario en liña. A participación é gratuíta para as persoas socias, mentres que para non socios o custo é de 5 euros, importe que inclúe a alta na asociación, agasallo, autobús e seguro.
O prazo de inscrición con opción de autobús permanece aberto ata o 28 de abril, mentres que sen autobús poderá realizarse ata o 7 de maio.