A II Travesía EuNadoPorEles e PorElas achega 1.518 euros a ALCER Ourense

ALCER Ourense recibiu 1.518 euros procedentes da segunda edición da Travesía Solidaria a Nado NON-STOP EuNadoPorEles e PorElas, unha achega que se destinará ao programa NutriALCER, centrado na atención nutricional ás persoas con enfermidade renal na provincia.
A entrega dos fondos realizouse este mércores, 7 de outubro, no Centro Cultural Marcos Valcárcel. No acto participaron o presidente de ALCER Ourense, Miguel Quintas, e Felipe Iglesias, en representación da Asociación Deportiva-Cultural EuNadoPorEles e PorElas, organizadora da proba, xunto con outros integrantes da dirección da entidade deportiva, Rafael Tabarés, Mónica Méndez e Antonio Iglesias.
NutriALCER ofrece orientación profesional e individualizada sobre alimentación, adaptada á situación e ás circunstancias persoais de cada persoa con enfermidade renal. O programa inclúe asesoramento e seguimento nutricional, resolución de dúbidas e diferentes actividades e recursos divulgativos para facilitar a incorporación de pautas alimentarias axeitadas á vida diaria.
A achega económica permitirá dar continuidade a este servizo e manter as accións relacionadas coa atención nutricional dentro do acompañamento que ALCER Ourense presta ás persoas con enfermidade renal.
“Para ALCER Ourense é importante que iniciativas como esta nos permitan chegar a novos públicos e sumar persoas e entidades ao compromiso coa saúde renal. Que unha actividade deportiva se converta tamén nunha vía de apoio ao noso traballo demostra todo o que se pode conseguir cando se unen participación, solidariedade e compromiso”, sinalou Miguel Quintas.
Os 1.518 euros recadados proceden das 86 inscricións na travesía e das achegas realizadas por particulares a través da Fila Cero. Esta vía de colaboración permitiu que persoas que non participasen directamente na proba puidesen contribuír igualmente coa causa.
Desde ALCER Ourense agradeceron a implicación da Asociación Deportiva-Cultural EuNadoPorEles e PorElas, das persoas participantes, do voluntariado e das entidades e empresas que colaboraron no desenvolvemento da iniciativa.
A segunda edición da Travesía Solidaria a Nado NON-STOP celebrouse o pasado 20 de setembro no río Miño, ao seu paso por Laias, no Concello de Cenlle, e reuniu máis de 80 nadadores e nadadoras.
A competición contou con modalidades de catro, tres e dúas horas, tanto individuais como por equipos de relevos, ademais dunha modalidade popular de 500 metros.
Nas probas individuais, Patricia Alegría e Baltasar García lograron os maiores rexistros feminino e masculino na modalidade de catro horas, con cinco e doce voltas, respectivamente. Na de tres horas, Pablo Longa completou oito voltas, mentres que na de dúas horas os mellores rexistros foron para Cristina García, con cinco, e Roberto Quiroga, con seis.
Nas modalidades de relevos, os equipos vencedores foron Tres Percebes y un Mate, na categoría de catro horas, con 14 voltas; Valeixe e arousaman&arousawoman +1, na de tres horas, ambos con nove voltas; e Tartarugas do Lérez, na modalidade de dúas horas, con cinco voltas.
A xornada rematou coa entrega de diplomas personalizados e un aperitivo para participantes, acompañantes e voluntariado, antes da entrega dos trofeos. A proba contou tamén coa colaboración de diferentes entidades e empresas.
Coa recadación desta segunda edición, ALCER Ourense reforza os recursos destinados a NutriALCER e mantén a atención nutricional como parte do acompañamento ás persoas con enfermidade renal.