A III Pasarela Solidaria de Allariz recada 5.014 euros a favor da investigación contra o cancro

A terceira edición da Pasarela Solidaria de Allariz conseguiu recadar un total de 5.014 euros, que foron entregados á Asociación Española Contra o Cancro (AECC) en Ourense para contribuír ao impulso da investigación oncolóxica e avanzar cara ao obxectivo de acadar unha taxa de supervivencia do 70% no cancro en 2030.
O acto de entrega do cheque contou coa presenza de Teresa Quintana, Olga Ferreiro e Helen Aranburu, organizadoras e colaboradoras da iniciativa, así como do presidente da Asociación en Ourense, Germán Rodríguez-Saá, que recibiu a recadación en nome da entidade.
Durante a entrega, Rodríguez-Saá destacou e agradeceu “a implicación da organización, das persoas colaboradoras e de toda a sociedade alaricana, así como o compromiso do comercio local, fundamental para facer posible este tipo de iniciativas solidarias que teñen un impacto directo na investigación contra o cancro”.
Desde a Asociación Española Contra o Cancro en Ourense tamén se trasladou o agradecemento a todas as persoas que participaron na iniciativa, especialmente ás que colaboraron coa compra de rifas e coas doazóns da fila 0, así como ás entidades e negocios que apoiaron o evento.
A Pasarela Solidaria de Allariz consolídase unha vez máis como unha cita que une moda, solidariedade e compromiso social, destacando o papel da colaboración cidadá na loita contra o cancro.