A IV Feira de Antigüidades e Artesanía de Amoeiro abre esta tarde as súas portas

Amoeiro inaugura este sábado a cuarta edición da Feira de Antigüidades e Artesanía, un evento de carácter cultural e comercial que se celebrará esta fin de semana no Pavillón de Deportes do municipio.
A feira abrirá as súas portas esta tarde en horario de 17:00 a 21:00 horas, ofrecendo ao público unha primeira xornada centrada na exposición, venda e promoción de produtos artesanais e antigüidades. O acceso ao recinto é totalmente gratuíto.
A programación continuará mañá domingo, con apertura en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas, e de tarde, de 17:00 a 21:00 horas. Entre as actividades destacadas figura a tradicional poxa, que terá lugar o domingo ás 18:00 horas e que se converteu nun dos momentos máis agardados do encontro.
Ademais, a feira contará cun posto solidario xestionado pola Cruz Vermella, achegando un compoñente social a esta cita que busca consolidarse como un punto de encontro entre veciñanza e visitantes arredor da artesanía e as antigüidades.